Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 500 persoas reservaron rutas de Km0 na plataforma de comercio electrónico da Deputación

NOTA DE PRENSA

Preto de 500 persoas reservaron rutas de Km0 na plataforma de comercio electrónico da Deputación dende a súa posta en marcha

– Os participantes no programa medioambiental que optan por esta alternativa rápida e sinxela para inscribirse teñen un desconto do 10% no custe das actividades

– 48 persoas anotadas de xeito individual e outros 48 usuarios do Centro para Discapacitados Intelectuais de Mondoñedo redescubriron hoxe a Zona Sur

Medio milleiro de persoas reservaron rutas de Km0 a través da plataforma de comercio electrónico da Deputación www.losproductosdelugo.com dende a apertura deste primeiro centro comercial virtual da provincia, en maio do pasado ano. Ademais de facelas reservas dun xeito rápido e sinxelo, dende a propia casa e a calquera hora do día, calquera día do ano, os participantes no programa medioambiental que optan por esta alternativa para inscribirse teñen un desconto do 10% no custe das actividades. Deste xeito, o prezo é de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, se o pago se fai persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), ou nas sucursais de NovaGalicia, mentres que, se se fai a través de www.losproductosdelugo.com o custe é un 10% inferior. Da modalidade de pago quedan excluídos en calquera caso todos os colexios e institutos públicos.

Para reservar as rutas de Km0, o usuario tan so ten que entrar en www.losproductosdelugo.com e pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. A oferta de Km0 súmase a outras propostas de lecer vinculadas co medio ambiente tamén incluídas na plataforma de comercio electrónico, como as do parque zoolóxico Avifauna e Marcelle Natureza, ambos en Outeiro de Rei, ou a de Ancares de Meu, un complexo de turismo rural activo radicado en Cervantes. En conxunto, a tenda virtual posta en marcha pola Deputación hai dez meses conta cunha oferta de 27 empresas e 197 produtos e servizos, relacionados con sectores como a alimentación, artesanía, moda, lecer, formación, óptica ou estética. Á plataforma pode adherirse calquera empresa lucense que estea interesada, para o cal debe presentar no Rexistro Xeral da Deputación unha solicitude e a documentación necesaria, sobre a que teñen toda a información na web www.deputacionlugo.org

O programa Km0, cofinanciado con fondos europeos, recibiu no último ano a través de Internet preto de 2.000 visitas, das que a maioría foron de Lugo, cun 40%; seguido de Madrid, cun 36%, e xa, a maior distancia, A Coruña, con 103 visitas; Santiago, con 55; e Vigo, con 38. Fóra de España, destacan as 57 visitas realizadas dende Arxentina.

A Ribeira Sacra copa esta semana a programación

Polo que respecta ás rutas de Km0 desta semana, a Ribeira Sacra copa a programación, pois é o destino de 4 dos 5 itinerarios que terán lugar entre hoxe e o xoves. Deste xeito, os municipios da Zona Sur recibirán a visita de 197 persoas grazas a esta iniciativa, mentres que 55 desprazaranse a Ribadeo. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a 48 persoas inscritas de xeito individual, que fixeron a ruta Ferrería de Penacoba. Este colectivo visitou despois o Centro de Interpretación Santa Isabel para desprazarse logo á localidade sarriana de Oural, onde comeu no restaurante Cantina de Inés, e ó municipio de Bóveda, onde coñeceu a aula da natureza Os Trollos, a capela do Ecce Homo de Rubián e o seu entorno, e o Pazo dos Marqueses da localidade, e fixo un tramo da ruta Río Nocedo. Hoxe tamén participaron no programa 48 usuarios do Centro para Discapacitados Intelectuais de Mondoñedo, que gozaron dun percorrido por adegas e Miradoiros da Ribeira Sacra. O percorrido comezou no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, e xa en Sober, os participantes fixeron unha ruta por Pena do Castelo e visitas á olería de Gundivós e ó Santuario de Cadeiras. A comida tivo lugar no restaurante La Cantina, no núcleo soberino de Doade.

Para mañá están previstas dúas novas viaxes pola Zona Sur: unha por Sober, que farán 48 usuarios do Centro de Convivencia Díaz Castro de Lugo, e outra por Chantada, na que están inscritos 48 integrantes da Asociación de Veciños de San Esteban de Mota, en Guntín. O colectivo lucense achegarase ó Mazo de Santa Comba e gozará na adega Algueira dunha degustación e unha comida, para realizar despois un paseo en catamarán por Amandi. Pola súa banda, os veciños de Guntín estarán no Centro de Interpretación Terras do Miño e dende alí viaxarán a Chantada, onde comerán no restaurante Mogay; coñecerán a presa de Belesar e o pobo; farán parte da ruta de Pesqueiras, e visitarán a adega Vía Romana.

O programa desta segunda semana de marzo remata o xoves cun percorrido por Ribadeo, solicitado pola residencia do Incio. 55 persoas coñecerán a olería de Bonxe para desprazarse despois á vila mariñana e realizar unha travesía en barco pola ría, subir no ascensor panorámico do peirao de Porcillán e pasear polo casco histórico, onde poderán visitar o Convento das Clarisas.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó número de teléfono 982-26-74/75; entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org ou ben accedendo á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita 3 modalidades

Exit mobile version