Site icon Crónica3.com A Mariña

Senado e Parlamento de Galicia asumen as iniciativas do PP para que a reforma da Lei de Costas recoñeza os núcleos rurais do litoral

Nota de prensa

Xose Manuel Barreiro puxo de manifesto que co anterior Goberno do PSOE a aplicación desta Lei foi errática, arbitraria e caprichosa

Senado e Parlamento de Galicia asumen as iniciativas do PP para que a reforma da Lei de Costas recoñeza os núcleos rurais do litoral

 A falta de recoñecemento destes espazos deu lugar a auténticos dramas persoais daqueles que ven como as súas vivendas, adquiridas anos atrás e orixinarias de asentamentos mariñeiros tradicionais, están ameazadas con sancións ou non poden efectuar nelas pequenos arranxos de mantemento.

 Os populares defenden a revisión dos criterios de deslinde vixentes na actual Lei de Costas

Viveiro, 9 de marzo de 2012.- O presidente provincial do Partido Popular de Lugo, Xose Manuel Barreiro, explicou hoxe que tanto o Senado como o Parlamento de Galicia veñen de asumir as iniciativas do Grupo Popular para que a inminente reforma da Lei de Costas recoñeza desde un punto de vista urbanístico os núcleos rurais do litoral.

O líder dos populares lucenses valorou a importancia desta proposta nunha rolda de prensa ofrecida en Viveiro, e na que estaba acompañado dos alcaldes e portavoces dos concellos do litoral da Mariña lucense, e dos representantes desta formación política no Parlamento de Galicia, Congreso e Deputación.

Barreiro explicou que a reforma da Lei de Costas servirá, entre outros obxectivos, para revisar os criterios de deslinde marítimo-terrestre para protexer a determinados asentamentos do noso litoral, nacidos fai décadas ao abeiro de núcleos tradicionais mariñeiros e nos que, a pesar de contar cunha urbanización propia dos solos urbanos, non son clasificados como tales pola normativa estatal vixente por atoparse nun entorno rural.

O dirixente popular explicou que son múltiples estes núcleos tradicionais, pequenas vilas e aldeas que temos en Galicia no borde xusto do mar, e que constitúen un reflexo dun modelo tradicional e dunha especificidade propia do urbanismo galego. Na Mariña lucense por exemplo existen este tipo de asentamentos como por exemplo núcleos de Rinlo en Ribadeo e espazos rurais e costeiros como os de Portocelo en Xove, San Cosme de Barreiros e Reinante ou Rueta-Fontao en Cervo.

PREXUÍZOS

Xose Manuel Barreiro puxo de manifesto que co anterior Goberno do PSOE a aplicación desta Lei foi errática, arbitraria e caprichosa e deu lugar a importantes prexuízos para os propietarios das vivendas radicadas nestes espazos. A reforma trata de poñer fin a auténticos dramas persoais daqueles que vían como as súas vivendas, adquiridas anos atrás, están ameazadas con sancións -incluso ordes de derrube- ou nelas non poden efectuar pequenos arranxos ou tarefas básicas de mantemento.

RESTABLECER A SEGURIDADE XURÍDICA

O presidente dos populares lucenses lembrou que é necesario restablecer a seguridade xurídica nestes casos e facelo ademais desde un escrupuloso respecto á necesaria protección ambiental e posta en valor do noso litoral. O PP defende que a futura reforma normativa só busca recoñecer os dereitos daqueles que dispoñen de propiedades antigas próximas á costa e espazos rurais do litoral de gran importancia turística.

Desde o PP recalcan que tanto os propietarios de vivendas e empresas afectadas polos deslindes, viron como a normativa vixente lles cambiaba os criterios de ocupación do dominio público marítimo terrestre, pese a que teñen vivido durante décadas en total harmonía coa natureza que lles rodea

As iniciativas aprobadas nas diversas Cámaras lexislativas teñen ademais por obxecto apoiar e refrendar a postura manifestada polo Goberno de Mariano Rajoy con respecto á aplicación de esta Lei por parte do Goberno do PSOE, que non fixo máis que “xerar incerteza e controversia”.

Exit mobile version