A CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR INVESTIRÁ PRETO DE 135.000 EUROS NUN CURSO DE EBANISTERÍA PARA TRABALLADORES DESEMPREGADOS EN CERVO
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou a necesidade de “reciclarse e formarse para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”
Arias lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar investiu máis de 2 millóns de euros neste tipo de actividades formativas na Mariña durante o pasado ano
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou hoxe as instalacións que acollerán esta acción formativa, que foron cedidas polo concello, co fin de comprobar as condicións que reúnen para acometer este tipo de ensinanza, que require de infraestrutura específica para o desenvolvemento das clases prácticas.
Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a delegada subliñou o importante esforzo inversor que realiza a Xunta de Galicia na programación de accións formativas para persoas desempregadas, “de xeito que poidan reorientar a súa traxectoria profesional cara a sectores e actividades con mellores perspectivas de inserción laboral”.
Arias sinalou que “a necesidade de reciclarse e de formarse en novas materias é agora máis urxente que nunca, dado que a se precisa capacidade de adaptación para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”.
Ao respecto, lembrou que durante o pasado ano investíronse 2.071.206 euros nos 25 cursos que tiveron lugar na Mariña dentro da programación da Xunta de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas.
A delegada explicou que as accións de formación para desempregados (AFD) conforman “un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego que desenvolve a Xunta de Galicia, que está a combater as taxas de desemprego dende todos os ámbitos ao seu alcance”.
O curso de ebanistería que se vai impartir en Cervo dará comezo o vindeiro 17 de abril e prolongarase ata o 21 de novembro. Consta dunha duración total de 818 horas, das cales 800 son da especialidade e 18 horas corresponden a módulos transversais. O número máximo de alumnos que poden participar é de 15, preferentemente desempregados, coa posibilidade de que, deste total, un 25% -é dicir, un máximo de 3- poidan ser traballadores ocupados.
Remitido