Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 600 artesáns participarán no IX Encontro de Palilleiras que se celebra en San Cibrao

Nota de prensa

Unhas 650 palilleiras participarán no IX Encontro que terá lugar o 31 de marzo

-Na demostración en vivo do pavillón de A Veiga notarase un aumento no número de homes participantes

-Os deseños en liño de Carmen Rivero poderanse ver nun desfile ofrecido polas modelos da axencia Dolores Couceiro

Cervo, 23 de marzo de 2012-O Concello de Cervo presentou hoxe o programa do IX Encontro de Palilleiras que se celebrará o vindeiro sábado 31 de marzo en San Ciprián. Unha cita coa tradición artesanal do municipio xa consolidada e á que todos os anos acoden centos de persoas procedentes de distintos puntos de Galicia e Asturias. Nesta edición colmáronse todas as expectativas de participación, xa que está confirmada a presenza dunhas 650 palilleiras, coas que se cubre o número de persoas que poden facer encaixe ao mesmo tempo no pavillón de A Veiga. Este ano cabe destacar o incremento do número de homes que acudirán a palillar.

Os actos comezarán ás 10:00 horas coa recepción das palilleiras no pavillón, onde ao longo do día haberá demostracións en vivo nas que o público poderá contemplar o minucioso proceso de palillar e a axilidade destas amantes do encaixe. Ademais, as persoas que o desexen poderán adquirir produtos e artigos relacionados con esta tradición e que estarán dispoñibles nunha carpa anexa ao pavillón. En total haberá 27 postos nos que se colocarán artesáns de Madrid, Valencia, Almagro, Cantabria, ou Madrid. E mentres as palilleiras amosan o seu traballo, as persoas que as acompañan poden participar nunha visita á Fábrica de Cerámica de Sargadelos.

Outro dos actos habituais neste encontro é o desfile de moda, que terá lugar ás 16:30 horas. Nel, as modelos da axencia de Dolores Couceiro vestirán creacións en liño deseñadas por Carmen Riveiro. O presentador da TVG, Alberto Mancebo, será o encargado de conducir este evento e de introducir as distintas pezas confeccionadas artesanalmente.

Un encontro no que tamén se reúnen os mozos e mozas que practican a arte de palillar e que van collendo o relevo desta tradición. Para eles haberá agasallos e diplomas acreditativos da súa asistencia ao evento. Tamén as palilleiras levarán un recordo deste Encontro, neste caso unha peza da marca “Artesanía de Galicia”. No caso dos visitantes poderán optar a varios premios no sorteo de produtos e artigos achegados polos patrocinadores do Encontro. Para participar é preciso mercar as rifas que estarán á venda ao longo do día e ata o momento do sorteo. Ademais o grupo folclórico Airiños do Xunco animará o ambiente durante toda a xornada.

Como actividade complementaria a este Encontro, continúa desenvolvéndose o curso de palillar que imparte Modesta Lombardero, profesional que xunto con Mari Luz Méndez é parte moi activa da organización deste evento.

“O Encontro de Palilleiras é un acontecemento moi vivo, no que centos de palilleiras se xuntan e se reúnen neste día e comparten información, experiencias e unhas horas de diversión” explica a concelleira de Cultura, Tania González, pero ademais “cabe destacar o efecto dinamizador que ten para o concello, especialmente para o sector turístico”. A edil engade que os beneficios do encontro nótanse en todo o municipio e incluso en concellos dos arredores. “Hai tempo que é case imposible facer unha reserva para xantar nun restaurante de San Ciprián ou de Cervo no día do Encontro” remata González.

Exit mobile version