Site icon Crónica3.com A Mariña

A amnesia dos “ex”

A AMNESIA DOS “EX”

Estes tempos somos testigos en Foz duns efectos funestos que, dise ás veces en caso semellante, son resultas do esforzo, o traballo e as preocupacións do labor político, inspirado polo amor á cidadanía e ó afán mudable por mellorar as condicións sociais, culturais e económicas da poboación, o que esixe tamén unha intensa dedicación intelectual… Efectos que deixan as súas pegadas no físico, e tamén na ”psique”, das persoas.. A coitío detéctase como individuos que acceden a postos políticos, de maior ou menor relevo, envellecen de contado, e o seu carácter, a actitude para cos demais, moitas veces dexeneran e vólvense orgullosos, ousados, fachendosos e soberbios, e fan lembrar a famosa frase : “no los conoce ni la madre que los parió”, tributo a tanto sacrificio polo ben común. As singulares, rocambolescas e insólitas vivencias que se deron na apaixoada parella (política) que gobernaba o concello, e os episodios de enconado enfrontamento que levou ó noso pobo a ocupar primeiras páxinas informativas, poñendo ós focegos na órbita do pitorreo e do “faimerrir”, de tan lacerante, e traumática ruptura, fixo que, ó quedar o goberno municipal noutras mans, prodúzalles un desacougo insoportable, que os leva mesmo a denunciar, por exemplo, que o alcalde mente ós veciños, coma se tal cousa fose algo novo, e non lles resultase coñecido. … Do nostálxico cofre, arcano que acolle, amorosamente, e acaso con hiperbólica consideración, o que é o impagable tesouro da lembranza das infinitas vivencias pasadas, extraemos tres versos dunha poesía, aprendida na adolescencia, que aluden a esta cuestión:“ …no veo causa por qué / se la tiene por cosa nueva / que yo también las usé … ”

Pero tampouco é para racharse as vestimentas: a mentira é consubstancial ó político e descoñecemos a posible existencia dos que, dun xeito ou doutro, non sexan mentireiros practicantes; e seguro que o alcalde de Foz (tamén o novo) non é a excepción.

Pero o verdadeiramente inquietante son as serias secuelas de tantos anos de sacrificada, e nunca abondo recompensada, labor municipal; secuelas que se detectan nestes servidores do pobo na alarmante perda da memoria que padecen ambos, a xulgar polas súas declaracións, ás que son tan dados, e que pode ser grave, pois tal deficiencia (a amnesia) podería ser síntoma da cruel doenza á que todos tememos e da que ninguén está libre. Este cronista hai algún tempo fixo terapia de recuperación memorística, baixo as expertas directrices da súa querida amiga Julita Vidarte e, aínda así, pide a Deus que tamén Él lle bote unha man. A saúde, mais alá do poder e dos cartos, é a meirande fortuna. A desmemoria dos dous líderes preocupa: deben vixiala. Facemos votos pola súa melloría.

Suso Fernández

Exit mobile version