O ciclo que organiza a Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña no IES Monte Castelo prolongarase ata o 24 de maio
A Academia Imdecum analizará o mundo do deporte dende este xoves en Burela, nunhas xornadas que abordarán ata finais de maio temas como o papel arbitral no fútbol, a análise dos rivais en fútbol sala, a experiencia paralímpica e a psicoloxía no deporte. O IES Monte Castelo, que será o escenario dos diferentes relatorios, acolleu o acto de presentación esta mañá, coa presenza do presidente da Fundación, Marcelino Luna, e o vicedirector do centro, Alfonso Iglesias, ademais da xogadora do Burela FS Pescados Rubén Haydee Agras.
Como programa formativo, a Academia Imdecum estréase nun ciclo protagonizado polo deporte destinado a alumnado e titulados/as do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do centro burelao, monitores deportivos e demais profesionais relacionados co deporte, así como a todo o público interesado.
As Xornadas do Deporte prolongaranse ata o 24 de maio; todos os relatorios están programados para as 17.00 horas. Baixo o título, “Arbitraxe: Un deporte máis”, o presidente do Comité Galego de Árbitros de Fútbol, José Antonio Pérez Muíño, será o encargado de inaugurar a cita este xoves. O 3 de maio será a quenda do fútbol sala, coa presenza da xogadora laranxa Haydee Agras, que repasará o seu traballo de ‘scouting’ en ElPozo Murcia. O espírito de superación terá voz propia; a ex-deportista paralímpica Hilda Rodríguez falará da súa experiencia o 10 maio. Como colofón, pechará o ciclo a psicóloga Juana Blanco o día 24.
A devandita iniciativa da Fundación Imdecum conta ademais coa colaboración do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, o Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol, o IES Monte Castelo e o CD Burela FS.
LOCALIZACIÓN: IES Monte Castelo
HORARIO: 17.00 horas
Xoves 26 de abril
“Arbitraxe: Un deporte máis’
Relator: José Antonio Pérez Muíño, presidente do Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol
Xoves 3 de maio
“Scouting en ElPozo Murcia FS. Exemplo de análise estatístico e edición de vídeo”
Relatora: Haydee Agras Moral, xogadora do CD Burela FS Pescados Rubén
Xoves 10 de maio
“O deporte adaptado”
Relatora: Hilda Rodríguez, ex-deportista paralímpica na modalidade de boccia
Xoves 24 de maio
“Psicoloxía no deporte”
Relatora: Juana Blanco, licenciada en Psicoloxía