Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG manifestase en Mondoñedo o primeiro de maio, con saída da factoría de Ecar e remate na Praza do Concello

Primeiro de Maio de 2012: Por emprego digno, non ás políticas económicas e laborais do Partido Popular

A CIG convoca mobilizacións en distintas localidades do país coincidindo co Día Internacional da Clase Traballadora

Afrontamos este 1º de Maio de 2012 sumidos/as nunha profunda crise económica que está a afectar de forma moi directa á clase traballadora a través da perda de miles de postos de traballo, perda de salario, precarización e desregulación das condicións de traballo, perda de dereitos, etc. As políticas económicas, sociais e laborais que está a promover o PP, a través do Goberno español e do Goberno galego, seguindo as directrices que marcan institucións como o Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo ou a Comunidade Europea, responden claramente ao seu modelo ideolóxico de economía neoliberal e de defensa do que son os intereses da banca, dos especuladores e da oligarquía financeira. Contra isto, a CIG chama á clase traballadora galega a participar nas mobilizacións convocadas en distintas localidades do país para reclamar emprego digno e rexeitar as medidas antiobreiras que está a aplicar a dereita española.

As políticas, iniciadas polo PSOE e continuadas agora polo PP con máis virulencia, de recorte de gasto público, de deterioración de servizos públicos como ensino, saúde e servizos de asistencia social, de facilitar e abaratar o despedimento, de incrementar a idade de xubilación e reducir a contía das pensións futuras, etc, responden á defensa do mesmo modelo económico de capitalismo neoliberal. Son políticas que non serven para saír da crise económica e que realmente o que buscan é incrementar os beneficios e o poder económico do capital financeiro especulativo, cargando os custos da crise económica ás clases traballadoras.

Temos que rebelarnos contra estas políticas e este sistema económico, esixindo dos gobernos que fagan políticas que realmente axuden a saír da crise e que o fagan desde unha perspectiva favorábel aos intereses da maioría social. Si existen alternativas, si é posíbel facer outro tipo de políticas diferentes como é combater realmente a fraude fiscal, facer unha política impositiva para que pague máis quen máis ten, incrementar os impostos ás rendas do capital, crear unha banca pública que garanta crédito a familias e pequenas empresas, incrementar o investimento público e os salarios como mecanismo de reactivación da economía e xerar emprego, rematar co especulación coa débeda pública pola vía de que o BCE compre directamente débeda ao estados, negarse os estados a pagar a débeda pública ilexítima….

Este sistema económico non garante dereitos básicos e universais á poboación. Este modelo económico e social obriga a clase traballadora a estar permanentemente en loita na defensa dun salario e dun posto de traballo digno; dun ensino e dunha sanidade públicos e de calidade; dunha vivenda para todos/as; dunha alimentación sa; dunha política industrial, agrícola e de infraestruturas respectuosa co medio ambiente… Este é un modelo económico ao servizo dunha minoría social e nestas situacións de crise é cando mellor se pon de manifesto.

Temos pois que loitar por un novo modelo de organización a nivel social e económico, realmente democrático, que sirva aos intereses da maioría social e no que as clases populares e os seus representantes, sociais e políticos, sexan os que fixen as políticas económicas e laborais e non institucións políticas e financeiras ao servizo do capital.

Polo que respecta á clase traballadora galega, hoxe máis que nunca, precisamos poder decidir por nós mesmos as nosas condicións laborais e sociais, por iso esiximos un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais, con competencias plenas, en correspondencia co exercicio do dereito á soberanía política plena da nación galega.

Manifestación na Mariña.- En Mondoñedo, con saída ás 12.30 das inmediacións da factoría de Ecar e remate na Praza do Concello onde se leran os oportunos manifestos. Elexiuse este ano Mondoñedo precisamente por ser esta vila a visualización máis clara de cómo efctaron na comarca este tipo de políticas polas que protestamos, despois que neste ano pechase precisamente Ecar e se vise esta vila tamén enormemente afectada polos despidos de Hermida.

Ao remate da manifestación, a CIG celebrará un xantar de confraternización da area recreativa do Coto da Reicadeira. Para anotarse ao mesmo cómpre chamar ao local de Burela (982581861)
Remitido

Exit mobile version