Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión das festas de Burela repartirá petos para recadar cartos en establecementos comerciais

A COMISIÓN DAS FESTAS PATRONAIS BURELA 2012 COMEZARÁ O VINDEIRO LUNS, 9 DE ABRIL, A RECADAR FONDOS PARA SUFRAGAR OS FESTEXOS. O PROGRAMA E AS DATAS NON SUFRIRÁN MODIFICACIÓNS IMPORTANTES CON RESPECTO AO ANO PASADO.

Burela, 7 de abril de 2011. A comisión das festas patronais Burela 2012 comezará o vindeiro luns, 9 de abril, a recadar fondos para a organización dos festexos.

A partires dese día os seus membros achegaránse aos distintos establecementos comerciais e hostaleiros de Burela para deixar unhas huchas “co obxectivo de que todas as persoas que o desexen poidan depositar os seus donativos para colaborar coas festas na honra da Virxe do Carme e San Xoán Bautista”.

Desde a comisión das festas patronais de Burela piden “a colaboración veciñal para entre todos xuntos organizar os festexos que a vila se merece”. Tamén demandan encarecidamente a participación dos veciños e das veciñas de Burela “para a elaboración das alfombras florais, xa que hai algún treito que polo de agora non ten grupo para realizar ese traballo”.

O programa das festas patronais de Burela 2012 xa está moi avanzado, e segundo indica a organización “non haberá moitos cambios nin dos días de celebración nin do programa respecto dos do ano pasado. Tentamos manter un nivel digno das festas, con menos presuposto, pero sen introducir grandes cambios”.

A comisión das festas patronais Burela 2012 está formada por: Mª Amada Palmeiro, Olivita Cabanas, Canducha Basanta, Natalia Piñeiro, Olga Blanco, Elia Trelles, Jesús Plácido Iglesias Uz, Virginia Bravo, Mónica Pedre e Diana Durán. Éstas últimas son as edís de Cultura e Servizos Sociais respectivamente no Concello de Burela
Remitido

Exit mobile version