Site icon Crónica3.com A Mariña

A coral en San Martiño

A CORAL EN SAN MARTIÑO

Con esplendor comezaron o pasado sábado os actos desta Semana Santa na basílica de San Martiño, organizados pola dinámica Confraría do Desencravo, e o apoio e a participación de toda a parroquia. Iniciáronse co pregón que, por vez primeira pronunciou unha muller: neste caso a focega Marisol Moreda, cuxos proxenitores naceran no noso concello e os seus restos mortais xacen no cemiterio de Cangas. Marisol, escritora e xornalista de longo e brillante percorrido, persoa de ampla cultura e singular sensibilidade, ofreceu un relato co que debuxou, con trazos inequívocos, a súa condición de crente, de solidaria e de fonda coñecedora dos episodios que a historia e a tradición nos deixaron sobre da morte e resurrección de Xesús, que son pedra angular da crenza cristiá, contado dende a súa proverbial modestia e de xeito ameno e mesmo engaiolante. Por iso a pregoeira foi agasallada cun moi forte e duradeiro aplauso. Parabéns.

Marisol, unha namorada das xentes do mar, cuxos avatares humanos coñeceu xa no fogar da crianza, pois o pai, Guillermo Moreda Oroza, foi un importante persoeiro, dirixente do Instituto Social da Mariña; este amor e admiración polos profesionais do mar inspiroulle a creación da Fundación “Herederos de la mar”, da que é presidenta, que acode en auxilio, en casos de lamentables desgracias derivadas do sempre duro e arriscado traballo sobre a fraxilidade das ondas mariñas. Marisol tivo un esplendoroso colofón: a Coral Polifónica de Foz que, deixando sempre nos oíntes a pegada pracenteira da súa calidade artística, nesta ocasión rizou o rizo con algunha pequena innovación que magnificaron o resultado. E así, na canción “O sacrum convivium”, situados os homes (baixos e tenores), fronte ó altar maior, e a senllos lados da nave central as sopranos e contraltos, levaron ó ambiente unha sensación acústica que reforzou a dificilmente mellorable que ofrece a basílica. Pechou a Coral coa tan clásica como fermosa “Negra sombra”, cunha variante: cantaban só as sopranos, e o resto das voces, coas bocas pechas, e o marmulo que delas saían, acompañaban coa melodía. Fermosísimo!. Os coralistas recibiron un moi caluroso aplauso.

Exit mobile version