Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta visitou A Mariña para interesarse polos cursos da Consellería de Traballo

A CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR INVISTE 754 MIL EUROS EN OITO CURSOS DIRIXIDOS A TRABALLADORES DESEMPREGADOS DA MARIÑA

 A delegada territorial, Raquel Arias, destacou que estas accións formativas beneficiarán a preto de 120 persoas sen traballo

 Afirmou que cinco das especialidades permiten acceder ao certificado de profesionalidade e contemplan a realización de prácticas en empresas

 Visitou o Centro de Formación Ocupacional de Viveiro e as instalacións no que se desenvolve o curso de ebanistería, cedidas polo concello de Cervo

 Acompañada polo alcalde cervense, Alfonso Villares, gabou a cooperación doutros organismos coa Xunta para poder atender as necesidades formativas específicas “de cada zona xeográfica ou sector económico”

Lugo, 20 de abril de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou hoxe A Mariña para interesarse polos oito cursos de formación ocupacional que a Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver na comarca, organizados polo Centro de Formación Ocupacional de Viveiro aínda que un deles ten lugar en instalacións cedidas polo Concello de Cervo.

A delegada trasladou en rolda de prensa os datos máis salientables da programación. Así, comunicou que estas accións formativas beneficiarán a preto de 120 traballadores desempregados e suman un investimento global de 754.021 euros.

Así mesmo, valorou que “cinco dos cursos corresponden xa á nova relación de especialidades que dan acceso aos certificados de profesionalidade e contemplan a realización de prácticas en empresas”.

Ao respecto, explicou que “os certificados de profesionalidade permiten ordenar de xeito máis rigoroso e útil a formación ocupacional, xa que acreditan a cualificación profesional do traballador e teñen validez en todo o Estado”. Os certificados expídense atendendo ás competencias profesionais recollidas no Catálogo Nacional de Cualificacións.

A delegada territorial sinalou que a oferta formativa da Consellería de Traballo e Benestar pretende “proporcionar aos traballadores desempregados coñecementos e habilidades en profesións adecuadas aos requirimentos actuais do mercado de traballo” e incidiu na “valiosa ferramenta” que supoñen “estas accións de reciclaxe profesional no marco das políticas activas de emprego que desenvolve a Xunta de Galicia”.

Neste senso, Raquel Arias explicou que os cursos de formación dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas “están pegados ás necesidades específicas de cada zona xeográfica ou sector económico grazas a que a programación se completa coa cooperación de numerosos organismos e colectivos sociais”.

Así, a delegada lembrou que, xunto coa programación dos centros propios, a Xunta subvenciona cursos que se imparten en colaboración con entidades de distinto tipo, como concellos, sindicatos ou mesmo empresas privadas que queren formar persoal para a súa contratación. A Consellería de Traballo e Benestar está a ultimar a programación a desenvolver nos vindeiros meses en base ás solicitudes recibidas.

Durante o pasado ano realizáronse en total 25 cursos na comarca da Mariña, que sumaron un investimento de máis de 2 millóns de euros.

Programación en marcha

Polo que respecta á programación que está actualmente en marcha, nestes momentos o centro de formación de Viveiro realiza cursos de instalacións solares fotovoltaicas, programador de máquinas con CNC, xestión contable e administrativa para auditoría, calefacción e climatización, e ebanistería.

No mes de xullo darán comezo outros tres, sobre estruturas de formigón, instalacións solares térmicas e unha segunda edición do curso sobre instalacións solares fotovoltaicas.

O centro consta de cinco aulas nas que se imparte a teoría e catro obradoiros polivalentes dedicados á fontanería –que acolle tamén cursos de calefacción e de gas-, electricidade, mecánica industrial e maquinaria con control numérico computerizado (CNC) –máquinas que se programan para realizar operacións determinadas-.

A delegada visitou tamén en Cervo o curso de ebanistería, o único que ten lugar fóra das instalacións do centro de Viveiro. Acompañada polo alcalde da localidade, Alfonso Villares, Arias agradeceu a colaboración do concello “ao permitirnos dispoñer desta nave” e indicou que “outro dos efectos beneficiosos de traballar en colaboración é o de optimizar a utilización de recursos públicos, unha medida que se revela máis necesaria que nunca”.

Pola súa banda, o alcalde de Cervo agradeceulle á delegada territorial a implicación da Xunta “no desenvolvemento de accións que incrementen as posibilidades de inserción das persoas que se atopan sen traballo”, como é o caso deste curso de ebanistería. Villares defendeu a formación como a “mellor vía para ampliar competencias e multiplicar as opcións de entrar no mercado de traballo”.

Remitido

Exit mobile version