A DELEGADA TERRITORIAL REÚNESE CON RESPONSABLES DO CLÚSTER DE ALIMENTACIÓN ECOLÓXICA DE GALICIA, QUE AÚNA A 27 EMPRESAS DO SECTOR
Raquel Arias subliñou o potencial desta actividade económica, destacando a súa implantación na provincia e o éxito do Clúster, que incrementou en medio ano nun 66% o número de firmas asociadas
A delegada manifestou o apoio da Xunta aos produtores e distribuidores, así como na promoción do consumo de produtos ecolóxicos galegos
Aplaudiu a capacidade do sector para sortear a crise “xa que case a metade das empresas prevén aumentar a súa facturación este ano polo menos ata un 30%”
Así, Arias destacou que aproximadamente o 50% das firmas asociadas están radicadas en Lugo, “o que da idea do potencial que esta actividade económica pode ter para a nosa provincia”. Ademais, subliñou, o sector está a demostrar capacidade para sortear a crise “e case a metade das empresas prevén aumentar a súa facturación este ano polo menos ata un 30%”
Na reunión coa delegada territorial participaron Rafael Rivadulla e Javier Villanueva, membros da dirección técnica do Clúster, que presentaron as últimas actividades realizadas así como un informe sobre o panorama actual do sector.
A delegada comprometeu o apoio da Xunta ás empresas produtoras e distribuidoras de alimentos ecolóxicos “que explotan os nosos recursos naturais, e polo tanto son unha vía idónea para crear valor engadido e riqueza para o noso país”. En concreto, valoraron a posibilidade de colaborar na promoción do consumo destes produtos.
Segundo os datos que manexa o Clúster, en Galicia o consumo de alimentos ecolóxicos é incipiente aínda que está a medrar. De feito, actualmente as exportacións supoñen o 24% das vendas do sector.
Os principais subsectores agroalimentarios ecolóxicos de Galicia son o lácteo e o conserveiro-acuícula, sendo este á súa vez o principal exportador. Non obstante, no apartado das exportacións ten tamén unha grande representatividade o da castaña.
Raquel Arias felicitou aos representantes do Clúster polo éxito desta iniciativa, que foi presentada en sociedade hai apenas seis meses –en novembro de 2011-, iniciando entón a súa andaina con 18 empresas.
Remitido