Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación manterá un programa que promove a actividade de persoas con discapacidade

VEIGA ANUNCIA A CONTINUIDADE DO PROGRAMA TODOS A XOGAR LOGO DE XUNTARSE COAS ASOCIACIÓNS DE DISCAPACIDADE DA MARIÑA

Antonio Veiga xuntouse con 7 asociacións que traballan con persoas con discapacidades na Mariña para analizar os resultados do programa Todos a Xogar e recoller as súas propostas, e anunciou a súa prórroga durante 2 meses máis e a súa continuidade para o vindeiro curso

Veiga afirmou que “fronte a políticas de recortes en servizos sociais da administración do Estado e da Xunta, desde a Deputación non eliminamos nin unha soa liña de axuda ao benestar social nin moito menos á colaboración con colectivos que traballan a prol das persoas con discapacidade”

Lugo, 11 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, xuntouse recentemente no Museo do Mar de San Cibrao coas sete asociacións de colectivos que traballan a prol das persoas con discapacidade na Mariña, para avaliar os resultados do programa “Todos a Xogar”, na súa liña “Eu tamén xogo no Breo”, que promove a actividade física de baixa intensidade e todo tipo de xogos e actividades de cara a mellorar aspectos motrices e cognitivos das persoas con diferentes tipos de discapacidade física e psíquica. Na xuntanza estiveron presentes persoas dos colectivos Asociación Camiña e Fundación Eu Son de Burela, Asociación de Discapacitados Psíquicos da Mariña de Burela-Cervo, Asoc. Asistencial de discapacitados “Virxe do Carme” de Foz, Asoc. de Persoas con Discapacidade Intelectual de Mondoñedo, COGAMI Mariña Lucense con sede en Ribadeo e Asoc. de Pais de Nenos con Necesidades Especiais de Viveiro.

Tanto desde o propio vicepresidente, Antonio Veiga, como desde os membros das diferentes asociacións e colectivos, recalcouse o enorme éxito, incidencia e implicación que tivo a aplicación do programa na Mariña, xa que segundo sinalou Veiga “a través de dous monitores que dispuxo a Área de Benestar Social da Deputación chegouse a un total de 133 usuarios e usuarias das 7 asociacións que traballan no eido da inclusión de persoas con discapacidade na Mariña. Todas as asociacións fixeron unha valoración moi positiva, solicitando incluso un reforzo do programa, polo que temos que afirmar que se prorrogará durante dous meses até xuño, e terá continuidade no vindeiro curso xa que se mostrou como unha ferramenta enormemente útil para desenvolver un traballo coas persoas con discapacidade con propiedades moi beneficiosas para mellorar o seu estado de saúde e a súa autonomía persoal”.

No transcurso da xuntanza, ademais de analizar e valorar o programa “Todos a Xogar”, tamén se analizou a repercusión negativa que para estes colectivos están a ter os agresivos recortes en materia social efectuados tanto por parte do Goberno do Estado como da Xunta de Galiza, que segundo Veiga “están incidindo de xeito directo en abrir a fenda da exclusión xusto no seo dos colectivos que máis necesitan a axuda en tempos de crise, polo que é inhumano que a Xunta de Galiza utilice a crise como coartada para levar a cabo políticas que aumentan as desigualdades na sociedade”. Veiga afirmou que “fronte a políticas de recortes en servizos sociais da administración do Estado e da Xunta, desde a Deputación non eliminamos nin unha soa liña de axuda ao benestar social nin moito menos á colaboración con colectivos que traballan a prol das persoas con discapacidade”

Dentro destas cuestións abordadas, puxéronse en común diferentes aspectos nos que van incidir os recortes da Xunta e o Estado máis directamente sobre estes colectivos, que Veiga puxo en tela de xuízo “como os 18 millóns que se recortaron no servizo de Dependencia, ou como mediante o Decreto 99/2012 de 16 de marzo a Xunta deixará de financiar ao persoal dos equipamentos sociais nos concellos menores de 20.000 habitantes (que son todos na Mariña), e tamén como este propio decreto fixa que a Xunta só financiará nos concellos de menos de 20.000 habitantes ao traballador/a social e exclúe polo tanto a pedagogos, logopedas e educadores sociais”.

O programa “Todos a Xogar”, financiado pola Área de Benestar Social e Deporte da Deputación e coordinado pola Fundación BALOGAL, conta con catro eixos de acción:

-Axudamos a facer deporte: ciclo de compoñente formativa destinado a persoas á fronte de entidades públicas, asociacións, colectivos de índole deportiva para potenciar o máximo os seus recursos orientados ao fomento da actividade física (formación en materia legal, apoio administrativo, subvencións, xeración de recursos públicos, etc)

-Eu tamén xogo no Breo: fomento da actividade física para colectivos de necesidades especiais como persoas con discapacidade física, persoas en risco de exclusión social, etc.

-Obradoiros deportivos: fomentar costumes saudables a través do exercicio físico de xeito lúdico na franxa de idade escolar entre 1º e 6º de primaria, centrando os esforzos en concellos e lugares onde os nenos e nenas adoezan da posibilidade de facer actividades deportivas.

-Non te retires, volve a xogar: dinamización da actividade física xerontolóxica, xa que a poboación envellecida é unha constante nos concellos do rural lucense, co que se trata de ofrecer actividades de envellecemento activo e tamén xerar dinámicas sociais que favorezan o contacto entre persoas maiores moitas veces illadas por cuestión da dispersión xeográfica.

Remitido

Exit mobile version