Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación responde ás críticas da oposición sobre a xestión das reservas da biosfera

ANTE AS CRÍTICAS DO PP SOBRE A XESTIÓN DAS RESERVAS

DA BIOSFERA, A DEPUTACIÓN INFORMA:

1.- O PP está mostrando unha absoluta falta de información, ó mesturar dúas cuestións totalmente diferentes: unha cousa son os programas propios da Deputación de carácter medioambiental postos en marcha hai 3 anos con fondos europeos, que a día de hoxe se seguen desenvolvendo, e outra, a participación dos Concellos na xestión das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

2.- Neste senso, e debido ó interese da Deputación en impulsalas Reservas e abrir a súa xestión á participación de Concellos e cidadanía, o pasado 16 de novembro, o organismo provincial constituíu os Órganos de Xestión destes espazos protexidos, converténdose nunha das primeiras administracións de Galicia en dar este paso.

3.- Por medio dun proceso transparente e integrador, foron invitados a adherirse todos os Alcaldes, xunto ó Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta de Galicia, así como colectivos sociais destes territorios. Todas as invitacións, sen excepcións, foron enviadas a través dos Rexistros Oficiais correspondentes.

4.- A pesar diso, 2 Alcaldes do PP declinaron a invitación e 7 tamén populares non acudiron aínda que tiñan confirmada a súa asistencia á reunión constitutiva do órgano de participación. En canto á Xunta, tampouco respondeu á chamada da Deputación para formar parte destes entes de dirección das Reservas.

5.- As restantes entidades locais, o Ministerio, os tres grupos políticos provinciais (PSOE, BNG e PP) e 16 colectivos sociais pasaron a ter voz na toma de decisións sobre as estratexias de conservación e desenvolvemento das Reservas ó integrarse nos Órganos de Xestión. De tódolos xeitos, a institución luguesa deixou aberta a posibilidade de incorporarse ós Concellos que non o fixeron no seu día, así como á Xunta.

6.- Fronte a esta actitude dilixente e integradora que a Deputación levou a cabo no referido ás Reservas da súa responsabilidade, na de Río Eo, Oscos e Terras de Burón, da que son máximos responsables a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias, seguen sen constituírse os Órganos de Xestión. De feito, incumpriron o prazo máximo establecido pola UNESCO para facelo, que fixaba o 31 de decembro de 2011 para ter constituída a estrutura directiva.

Exit mobile version