MÁIS DE 1.100 PERSOAS PASARON DURANTE A SEMANA SANTA POLA OFICINA DE TURISMOD E RIBADEO. O ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ, FAI UNHA VALORACIÓN MOI POSITIVA.
Ribadeo, 9 de abril de 2012. Máis de 1.100 persoas pasaron durante a semana santa pola oficina de turismo de Ribadeo, segundo os datos que daba a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que “debo facer unha valoración positiva do número de persoas que viñeron nestes días a Ribadeo. Segundo os datos que manexa a Área de Desenvolvemento Local e Turismo pola oficina de turismo da nosa vila pasaron 1.172 turistas, que é unha cantidade máis que respetable tendo en conta a climatoloxía adversa que tivemos durante algunhas xornadas e o contexto de crise xeral no que nos atopamos neste momento”.
Suárez Barcia sinalou que “polas novas comunicacións e por ter tramos da A-8 agora, ademáis dos visitantes do sur de Galicia, Madrid e Valladolid, con moita forza está a vir xente de Cantabria e do País Vasco. Unha grande porcentaxe escolle Ribadeo como destino final aloxándose polo menos dous días en hoteis ou casas de turismo rural. Estas persoas visitan, sobre todo, a praia das Catedrais, o porto de Rinlo, o casco vello de Ribadeo así como os diferentes miradoiros ou rutas de sendeirismo que temos coma ésta que se abría hai uns días”.
O alcalde indicou que “todo esta liña debémola enmarcar dentro destas actuacións que estamos levando adiante desde Turismo cos diferentes sectores de hostalería, hoteis, etc, a través de iniciativas coma o Ribadeo eventos. Neste caso tivemos unha serie de mesas sectoriais para abordar cómo nos implicamos de maneira máis atractiva para que Ribadeo siga a ser un foco de atracción non só en épocas altas, senón ao longo de todo o ano”. Fernando Suárez lembrou que “precisamente esta tarde vai haber unha nova xuntanza para pechar o deseño desta iniciativa, creada ao amparo destas mesas sectoriais, que se chama Soños gastronómicos e que pretende complementar a oferta do Ribadeo de tapeo. Os hoteis, a diferencia doutros anos, van participar poñendo prezos atractivos para a xente que veña disfrutar deste evento gastronómico que se celebrará do 17 ao 27 de maio”.
Incendio
O rexedor tamén se referiu ao incendio que se declaraba a primeiras horas desta mañá nun piso na avenida de Asturias, “afortunadamente só houbo que lamentar danos materiais, a persoa que vivía alí non estaba nese momento na vivenda”. Fernando Suárez subliñou que “unha rápida actuación dos voluntarios de Protección Civil de Ribadeo, que foron os primeiros en chegar, como do parque de bombeiros de Barreiros, como Garda Civil e Policía Local impediron que a cousa fose a máis”.
Remitido