Site icon Crónica3.com A Mariña

A revista Amencer, editada polos alumnos do Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo, conmemora o 30 aniversario

ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DA REVISTA AMENCER ESPECIAL “30 ANOS”

Esta revista, escrita integramente en galego, é editada polos alumnos do Seminario de Santa Catalina desde abril de 1982

Antonio Veiga destacou que “a edición desta revista supuxo, desde os seus inicios, un importantísimo apoio para a normalización da nosa lingua”

Lugo, 26 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Deporte e Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta tardiña no Seminario de Mondoñedo na presentación do último número da revista “Amencer”, que elaboran os alumnos do Seminario de Santa Catalina desde 1982. Trátase dun número especial que conmemora o 30 aniversario da publicación. Na presentación da revista, ademais de Antonio Veiga, tamén participou o equipo de redacción da mesma, formada por Xairo Formoso Pena, Cristian Fernández López, Jacobo Chao Lombardero, Ernesto Barro Jiménez e Daniel Díaz Villamel, ademais de por Juan José Montouto Chavez, que exerce como redactor xefe, o subdirector, Luis Torreira García, e o director, Víctor Amieiro Maseda, todos eles estudantes de entre primeiro e cuarto de ESO.

Este edición “Especial 30 aniversario” trátase dun número que ten dúas partes moi diferenciadas. A primeira parte mantén a estrutura habitual dunha revista normal de calquera mes coas típicas seccións da revista, aínda que neste caso está marcada pola celebración do 50 Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Valentín Paz Andrade. Neste sentido, Antonio Veiga quixo destacar que “a edición desta revista supuxo, desde os seus inicios, un importantísimo apoio para a normalización da nosa lingua. É todo un orgullo que se publique unha revista coma esta en galego, pois é unha proba máis de que os estudantes non teñen reparos en utilizar a lingua da súa Terra, tanto oralmente como na escritura”.

A segunda parte recolle o Especial 30 anos que contén unha serie de colaboracións de varios amigos de Amencer que se quixeron sumar á celebración do seu aniversario. Amencer permaneceu viva estes trinta anos, nos que saíron 217 números (en realidade, 218 se se conta o número cero), porque un grupo de persoas lle dedicaron o seu tempo e o seu esforzo, mantendo así aceso o facho desta revista. Dentro deste especial inclúense colaboracións de Celso Currás ou Félix Villares, entre outros, así como artigos sobre varios escritores galegos, Álvaro Cunqueiro entre eles.

Remitido

Exit mobile version