A XUNTA AMPLÍA ATA O 20 DE ABRIL O PRAZO DE SOLICITUDE DOS PLANS DE COOPERACIÓN, QUE BENEFICIARÁN ESTE ANO A 5.100 PERSOAS
O período habilitado para a solicitude será ampliado en 8 días, de xeito que pasará de rematar o 12 de abril –como estaba fixado inicialmente- a finalizar o día 20 dese mesmo mes
A ampliación, que se publicará no DOG nos próximos días, é tanto para os concellos como para os organismos das administracións públicas distintas das locais, universidades e entidades sen ánimo de lucro
O orzamento de ambas ordes ascende a 65 millóns de euros e teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade dos participantes, ao tempo que se lles ofrece un posto de traballo
Santiago, 12 de marzo de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar ampliará o prazo de presentación de solicitude para optar aos Plans de cooperación, que beneficiarán este ano a 5.100 persoas. O período habilitado para a solicitude ampliarase en 8 días, de xeito que pasará de rematar o 12 de abril -como estaba fixado inicialmente- ao día 20 deste mesmo mes. Neste prazo está excepcionado o caso das mulleres vítimas de violencia de xénero, que poderán presentarse ata o 15 de novembro.
Esta ampliación de prazo, que será publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG), está dirixida tanto para os concellos como para as entidades locais. En concreto, o orzamento de ambas ordes ascende a un total de 65 millóns de euros: no caso dos concellos, serán 45 millóns de euros; e no caso das entidades distintas da local, o orzamento é de preto de 20 millóns de euros.
O obxectivo das dúas iniciativas é mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas. Así, aos beneficiarios ofrécelles un posto de traballo e tamén unha experiencia profesional que axuda a súa posterior inserción laboral.
Estas ordes ofrecen unha atención especial aos colectivos con maiores dificultades, de xeito que priorizan a contratación de: mulleres (en especial as vítimas de violencia de xénero); menores de 30 anos; desempregados maiores de 45 anos; persoas con discapacidade; desempregados de longa duración ou que esgotaran prestacións e subsidios; e integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.
Novidades deste ano
Entre outras novidades, este ano os plans de cooperación con entidades locais primarán por primeira vez a aqueles concellos limítrofes que decidan coordinar as súas solicitudes. En concreto, os gobernos municipais que soliciten servizos mancomunados verán incrementado o seu número mínimo de contratacións e contarán con puntuación adicional nos criterios de valoración.
Ademais, tamén se promoven como novidades medidas para a vinculación efectiva entre este programas e a inserción laboral, así como a solicitude por vía telemática. Na orde, tamén se mantén a posibilidade de contratación anticipada por parte dos concellos, que se incluía xa o ano pasado. Con este procedemento os concellos poderán contratar de xeito anticipado un máximo de dúas persoas para a atención urxente de servizos que precisen dunha actuación inmediata, coa excepción do caso dos GRUMIR (Grupos municipais de intervención rápida), que poderán contratar de xeito anticipado ata 12 persoas.