Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de Ribadeo, para a execución da 1ª fase do Plan Director de Rinlo: urbanización e mellora do parque de Santa Catalina, por importe de cento corenta mil catrocentos vinte euros (140.420,00 euros).
Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada autonómica LU-130 a prol do Concello de Mondoñedo.
Acordo de colaboración entre a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e Ferrocarriles Españoles de Vía Estrecha (FEVE), sobre comunicación bilateral, información recíproca e elaboración de protocolos de actuación conxunta en materia de emerxencias e protección cidadá.
O CONSELLO DA XUNTA APROBA A PRIMEIRA OBRA PARA A RECUPERACIÓN DO NÚCLEO DE RINLO, NO CONCELLO DE RIBADEO
Trátase da urbanización e mellora do parque de Santa Catalina, que implica un investimento de máis de 140.000 euros
Na actualidade esta zona dispón dunha área infantil no centro, unha superficie para o estacionamento e unha vía perimetral, unha situación que resulta incluso perigoso para os nenos
Esta actuación, recollida no Plan Hurbe, vai encamiñada a dar unha imaxe de praza a este espazo e convertela nun lugar de reunión e uso para esparexamento dos residentes en condicións de seguridade axeitadas
O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Rinlo para a execución da obra de urbanización e mellora do parque de Santa Catalina, unha actuación que se orzamenta en máis de 140.000 euros. Deste xeito, a Xunta activa a primeira das obras para a recuperación do núcleo de Rinlo, que implica un investimento de 1,2 millóns de euros.
Na actualidade, este parque dispón dunha área infantil no centro, unha superficie para o estacionamento e unha vía perimetral, unha situación que resulta incluso perigosa para os nenos. A proposta da Consellería é eliminar o estacionamento, manter o parque e permitir o paso de vehículos, pavimentando e colocando mobiliario urbano.
As características actuais non permiten o uso que este espazo podería proporcionar á vida cotiá. De feito a imaxe que achega hoxe en día é moi deficiente, tanto no que se refire ao seu deseño como aos materiais, acabados e conservación.
Así pois, a actuación vai encamiñada a dar unha imaxe de praza a este espazo e convertela nun lugar de reunión e uso para esparexemento dos residentes en condicións de seguridade axeitadas.
Non obstante, no deseño da praza tratará de recuperarse a traza da antiga igrexa, mediante bancos e pavimento, de xeito que ese espazo central estea ocupado polos xogos infantís. Tamén será necesario renovar e redimensionar as instalacións dos servizos urbanísticos e axeitalos ás normativas técnicas que sexan de aplicación. Os traballos de urbanización rematarán e completaranse coa plantación de árbores e a implantación de mobiliario urbano axeitado ao contorno.
Desde a Consellería de Medio Ambiente tamén se recoñece que se debe fomentar a creación e mellora dos espazos de encontro e recuperar os espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico e contribuír ao reequilibrio territorial fixando a poboación no medio rural mediante a mellora da calidade de vida nestes contornos, de xeito que se lles proporcione aos usuarios unha maior comodidade, mellorando e facilitando o acceso aos distintos equipamentos e fomentando as relacións dos cidadáns na procura dun desenvolvemento harmónico.
Obrigas das partes
A sinatura do convenio de colaboración que hoxe aproba o Consello da Xunta implica para a Consellería de Medio Ambiente a obriga e necesidade de actuar nun espazo de uso público para recuperalo, en condicións axeitadas de seguridade e poñer en valor as potencialidades para uso e desfrute da cidadanía. Para estes fin achegará máis de 140.000 euros.
Por outra banda, a Administración local deberá redactar o proxecto técnico das obras, obter os permisos, licenzas e autorizacións e levar a cabo as actuacións de contratación, execución, dirección, control e recepción das obras.
Plan Director
A Xunta de Galicia desenvolverá cun investimento de 1,2 millóns de euros, o Plan Director de Rinlo, cuxa primeira actuación será o acondicionamento do parque de Santa Catalina. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan Hurbe que ten como obxectivo revitalizar esta zona costeira de Ribadeo, mellorando a súa imaxe mediante o acondicionamento de equipamentos, rede viaria ou vivenda. A consecución dunha mellor imaxe redundará no incremento das visitas turísticas, potenciando así o desenvolvemento económico e social desta localidade.
En relación á edificación, apostarase por conservar a imaxe tradicional do conxunto, manter os inmobles de interese, rehabilitar construcións en ruína ou reducir a porcentaxe de vivendas baleiras. O plan fai fincapé en non permitir o abandono nin a demolición de muros tradicionais, así como en revestir de pedra os muros existentes de bloque.
A rede viaria tamén é un punto fundamental neste plan, polo que se pretende desconxestionar e racionalizar o tráfico. Proponse un sentido único na vía principal do núcleo e da ponte, a peonalización parcial, a potenciación dunha vía que actúe de circunvalación do centro ou a mellora do estacionamento. No núcleo de Rinlo existen rúas en mal estado e con materiais discordantes, motivo polo que se prevé cambiar o asfalto por pedra ou renovar as instalacións e mobiliario destas.
O Goberno galego é consciente de que as praias de Ribadeo significan un importante reclamo turístico que como xa se explicou redunda no desenvolvemento económico e social desta zona da Mariña Lucense. Deste xeito, o Plan Director prevé a potenciación da ruta turística Praia das Catedrais-Rinlo-Ribadeo, xa que actualmente a maioría dos turistas non fan paradas en Rinlo, así como a mellora de acceso aos areais. Outras actuacións recollidas no plan son a renovación do pavimento e mobiliario urbano.
Recoñecido no Plan do Litoral
O Plan de Ordenación do Litoral recolle a localidade lucense de Rinlo como un núcleo de identidade do litoral (NIL), unha figura que pon de manifesto a necesidade de conservar as agrupacións tradicionais da costa galega. En total o POL caracterizou 170 núcleos ao longo do litoral como NIL, por responder a asentamentos tradicionais cuxa localización estratéxica no bordo costeiro e nas rías lles confire unha singularidade que os fai merecedores dun tratamento especial.
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O CAMBIO DE TITULARIDADE DA RÚA SAN LUCAS, NO CONCELLO DE MONDOÑEDO
A Consellería de Medio Ambiente cede esta vía, que suma un quilómetro, da estrada LU-130 á Administración local, entidade que se encargará de mantela a partir da entrega, que será oficial dous meses despois da súa publicación no DOG
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinala que a cesión deste tramo se formalizará porque se a vía adquiriu as características de treito urbano
Con este cambio beneficiaranse os máis de 5.000 veciños desta vila e a súa área de influencia
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o cambio de titularidade da rúa San Lucas, un tramo da estrada secundaria e autonómica rolda de Mondoñedo (LU-130) a prol do Concello de Mondoñedo. O tramo, que ten unha lonxitude total de algo máis dun quilómetro, pertence á rede secundaria de estradas da Xunta de Galicia e con este cambio beneficiaranse os máis de 5.000 veciños desta vila e a súa área de influencia. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decide formalizar este traspaso porque a vía adquiriu nestes puntos características de treito urbano. Para iso, a Axencia Galega de Infraestruturas estudou e considerou adecuado o cambio de titularidade de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes sobre a transferencia da titularidade.
A entrega da vía formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega. O Concello de Mondoñedo, a partir da formalización da entrega, será o responsable de todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía. Tamén se ocupará do exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular da estrada.
Este expediente tramitouse ao abeiro dos artigos 5 e 54 da vixente Lei de estradas do 14 de setembro de 1994, que establece que os cambios de titularidade das estradas se aproben por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
A AXEGA COLABORARÁ COS FERROCARRÍS ESPAÑOIS DE VÍA ESTREITA EN MATERIA DE EMERXENCIAS E PROTECCIÓN CIDADÁ
O Consello aprobou un acordo entre o 112 e Feve para axilizar o intercambio de información entre ambos os entes e actuar de xeito máis eficiente ante as posibles afeccións que poñan en risco aos usuarios, mercadorías e o ambiente
O Consello da Xunta autorizou esta mañá un acordo de colaboración entre a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e Ferrocarrís Españois de Vía Estreita (Feve) en materia de atención de emerxencias e protección cidadá.
A finalidade do acordo é axilizar o intercambio de información establecendo procedementos de comunicación bilateral, información recíproca e protocolos de actuación conxunta entre o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, da Axega, e o Posto de Mando dos Ferrocarrís Españois de Vía Estreita (Feve) para Asturias e Galicia.
Así, o texto establece os procedementos de comunicación bilateral e protocolos de actuación conxunta, de xeito que ambas as entidades estean informadas das posibles emerxencias ou urxencias que se poidan producir nas instalacións ferroviarias e bens dependentes ou explotados por Feve e relacionados coa súa actividade.
O que se busca é unha actuación máis eficiente ante as posibles afeccións que poñan en risco os usuarios, mercadorías e toda clase de bens que puidesen ser afectados por unha emerxencia ou nos cales estean implicados produtos químicos ou substancias susceptibles de orixinar afeccións ambientais durante o seu transporte pola Comunidade galega; e que exixan a intervención de servizos externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil e extinción de incendios e salvamento.
Con este obxectivo, a Axega informará a Feve sobre os accidentes e incidentes que poidan afectar as persoas, bens e instalacións e outras infraestruturas ferroviarias dependentes ou explotados polo ente en Galicia. Así mesmo, comprométese tamén a enviarlle informes de predición meteorolóxica adversa elaborados por Meteogalicia e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), así como as alertas que se declaren no territorio de Galicia.
Pola súa banda, Feve porá en coñecemento do 112, coa máxima prioridade posible, os incidentes ou accidentes relacionados coa explotación das súas liñas férreas e aquelas outras emerxencias que afecten o transporte de mercadorías perigosas por vía férrea e poidan ter repercusión pública relevante. Ademais, o acordo establece que ambas as dúas partes intercambiarán reciprocamente información cartográfica e datos do catálogo de medios e recursos dispoñibles para atender emerxencias.
As comunicacións entre o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia e Ferrocarrís Españois de Vía Estreita realizaranse as 24 horas durante os 365 días do ano e serán efectuadas polos interlocutores designados para tal efecto. Neste sentido, o acordo desta mañá incorpora un anexo en que se establece un protocolo de comunicación, información recíproca e actuación coordinada e que abrangue actuacións que van desde o descarrilamento ou colisión dun tren ao atropelo de vehículos, persoas e animais, riscos naturais (inundacións, corrementos de terras, temporais de ventos, etc.); lumes forestais; explosións; ameazas de bombas ou requirimentos de asistencia sanitaria urxente de carácter grave, entre outras.
Por último, o acordo aprobado esta mañá tamén recolle que o 112 e Feve intercambiarán visitas ás súas instalacións e acordarán as accións formativas necesarias para o coñecemento destas; co propósito de que os membros dos servizos externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil, extinción de incendios e salvamento e o propio Feve obteñan a máxima eficiencia na coordinación, colaboración e cooperación establecidas no acordo.