Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta convoca o comercio da provincia para dialogar sobre o sector

ECONOMÍA E INDUSTRIA REÚNE AS MESAS LOCAIS DE COMERCIO DA PROVINCIA DE LUGO PARA IMPULSAR A DINAMIZACIÓN DO SECTOR

 Estes organismos, creados na Lei de Comercio Interior de Galicia, fomentan o diálogo e a cooperación entre os comerciantes, os concellos e os consumidores

 A directora xeral de Comercio salienta que son “un lugar de encontro, un foro de debate e participación onde teñen voz e voto todas as partes implicadas no desenvolvemento do comercio”

 Raquel Arias destaca que “con estes organismos preténdese que tanto comerciantes como consumidores sexan partícipes das políticas comerciais”

Lugo, 12 de abril de 2012.- A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Nava Castro, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participaron esta mañá na primeira reunión formativa e de coordinación das Mesas Locais de Comercio de Lugo, á que asistiron numerosos representantes destes organismos de toda a provincia.

As Mesas Locais de Comercio foron creadas na Lei do Comercio Interior de Galicia, en vigor desde hai un ano, para fomentar o diálogo e a coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución das políticas comerciais que lles afectan, co fin último de potenciar e impulsar o comercio de proximidade.

Tal e como salientou na reunión a directora xeral de Comercio, Nava Castro, estes organismos son “un lugar de encontro, un foro de debate e participación onde teñen voz e voto o pequeno comercio, os consumidores e os concellos”. Pola súa banda, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou que “coas mesas locais de comercio preténdese que tanto comerciantes como consumidores sexan partícipes das políticas comerciais”.

Na provincia de Lugo 32 concellos constitúen a súa propia Mesa de Comercio Local, ao contar cun mínimo de 20 comercios minoristas ou cunha asociación local de comerciantes. Os restantes concellos están representados e participan na Mesa Local de Comercio da Deputación Provincial.

A Lei do Comercio Interior de Galicia, que se consolidou no seu primeiro ano de vixencia como unha ferramenta eficaz para o desenvolvemento do sector, dándolle seguridade xurídica ao mesmo, facilitou a posta en marcha de novos mecanismos de diálogo aberto entre os comerciantes, os consumidores e a administración, entre os que se inclúe, ademais das propias Mesas Locais de Comercio, o Consello Galego de Comercio.

Entre as funcións das mesas locais de comercio están informar das campañas de promoción do comercio que se desenvolven con fondos públicos, incluídas aquelas que sexan desenvolvidas polos concellos, elaborar informes para a realización de feiras de oportunidades ou actuar como órgano consultivo en todas as cuestións que afecten ao comercio local. Ademais, as mesas locais de comercio tamén poden propor aos concellos medidas, iniciativas e propostas en materia comercial.

Exit mobile version