Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta restaura con técnicas de bioenxeñería dous quilómetros do río Ferreira en Alfoz

A XUNTA RESTAURA CON TÉCNICAS DE BIOENXEÑERÍA MÁIS DE DOUS QUILÓMETROS DO RÍO FERREIRA, EN ALFOZ

 Trátase dunha actuación de restauración para recuperar a morfoloxía fluvial deste treito do río, afectado polas crecidas dos últimos anos no norte de Lugo
 Para a mellora deste treito fluvial empréganse biorrollos de fibra de coco ou entramados de ramas
 A Consellería de Medio Ambiente executa esta actuación que implica un investimento de 20.000 euros

Santiago, 5 de abril de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a executar unha actuación de limpeza e mellora do río Ferreira, no Concello de Alfoz, no lugar de Penido- Candaedao na parroquia de San Pedro de Mor, o que se traduce na primeira das actuacións de limpezas de río que se inscriben dentro do novo contrato de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico nas bacías de Galicia Costa, no ámbito territorial da zona de Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

Esta actuación tamén destaca por ser a primeira na que se empregan técnicas novidosas de restauración fluvial e de bioenxeñerías para a recuperación de algo máis de dous quilómetros do río.

Trátase dunha actuación de restauración destinada a recuperar a morfoloxía fluvial dun treito afectado polas crecidas dos últimos anos no norte de Lugo, polo que se traballará sobre as ribeiras afectadas por alteración da vexetación, problemas de erosións e se procederá á retirada de obstáculos.

Así, as técnicas que se están a empregar consisten no estanquilado con material recuperado da propia zona, a recuperación e restauración dun noiro con biorrollos de fibra de coco ou con feixes e entramados de ramas de Salix. Por outra banda, tamén se procederá á recuperación da liña do thalweg (liña que une os puntos de maior profundidade a longo dun curso o cauce de auga), mediante a colocación de deflectores e eliminación de obstáculos.

Para executar os traballos que se están a facer no treito do río ao seu paso polo lugar do Penido-Candaedo, os técnicos empregan un tractor con pluma, unha mini retroexcavadora e un camión. O importe deste traballos, que sufraga Augas de Galicia, elévase a 20.000 euros.

Este sistema empréganse como experiencia piloto, co fin de analizar resultados e posteriormente poder aplicalos noutros leitos con problemas similares.

Contrato de limpeza de ríos 2012-2013
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, investirá máis de 2,3 millóns de euros nas limpezas das bacías da zona norte, centro e sur da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o período 2012-2013. Na zona norte destinaranse 858.785 euros, na zona centro serán 845.933 e na sur 609.704 euros. Os contratos terán unha vixencia de 24 meses.

A inversión prevista supón unha demostración do esforzo que está a realizar a Consellería de Medio Ambiente na conservación e recuperación do entorno fluvial do territorio galego, para así repercutir nun mellor aproveitamento dos lugares de lecer próximos aos ríos por parte dos veciños.

Exit mobile version