Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela non contará cun centro de día para persoas con discapacidade, segundo asegurou o goberno galego ao BNG

EN RESPOSTA AO BNG, O GOBERNO NON PORÁ EN FUNCIONAMENTO O CENTRO DE DÍA PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN BURELA ALEGANDO FALTA DE DEMANDA DE PRAZAS

O deputado do BNG, Manuel Parga Núñez negou que non exista esta demanda e afirmou que o propio alcalde de Burela solicitou a posta en marcha do centro porque hai persoas no concello que o precisan

Santiago de Compostela, 19 de abril , 2012. O parlamentario do BNG, Manuel Parga Núñez formulou hoxe unha pregunta parlamentaria en comisión sobre os motivos que impiden a apertura do centro de día de atención a persoas con discapacidade no Concello de Burela.

Na súa intervención, o nacionalista afirmou que o centro dependente da Fundación “Eu son” conta con 20 prazas autorizadas, dotacións e permisos pertinentes para a súa apertura, sen embargo, a día de hoxe,-dixo-, “o centro segue sen funcionar”.

Trala resposta da secretaria Técnica de Servizos Sociais, Coro Piñeiro que xustificou non abrir o centro ante a “nula demanda” de persoas con discapacidade psíquica para a súa ocupación , o nacionalista negou esta circunstancia e recriminou que a Xunta de Galiza “negara un convenio ou concerto” como aconteceu noutros momentos e lugares para a súa posta en marcha.

As persoas afectadas piden axuda da administración pública

O deputado engadiu que, a resposta da titular de Política social “non ofrece moitas esperanzas” a todas aquelas persoas que requiren destes servizos e denunciou que existen casos concretos, “ nos que o centro ocupacional debe atender a persoas doutros concellos da zona”.

Neste sentido, engadiu que hai persoas con parálise cerebral ao cargo de familias que lles resulta imposible económica e asistencialmente atendelos e de aí, insistiu, “a necesidade urxente de axuda da administración pública”.

Promesas electorais non cumpridas

O parlamentario do BNG criticou as promesas electorais do candidato á alcaldía e actuais deputados do Partido popular no Parlamento galego por comprometerse a construír un centro residencial en Burela para persoas con discapacidade psíquica e cualificou de “irresponsabilidade política” non cumprir o seu compromiso.

Parga Núñez lamentou a resposta da Secretaria de Política social e a negativa do Goberno galego para abrir un centro de día que permitiría as persoas, que polas súas capacidades, non puideran participar nos obradoiros se lles negue un lugar onde poder realizar outras actividades qua ademais suporían “un respiro” familiar.

O deputado nacionalista avanzou que o BNG seguirá reclamando a apertura do centro de día para persoas con discapacidade, “centro construído no ano 2010 e equipado con subvencións da Xunta de Galiza e Deputación de Lugo que superaron os 100 mil euros”, concluíu.

Remitido

Exit mobile version