Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela rendeu homenaxe ao policía Rodrigo Maseda, nun acto no que foi descuberto un monólito na praia do Cantiño

RAQUEL ARIAS GABA “A INMENSA XENEROSIDADE” DOS TRES HEROES DO ORZÁN, QUE NUNHA MOSTRA DE COMPROMISO VITAL “DERON O MÁIS PREZADO DO SER HUMANO EN FAVOR DOS DEMAIS”

 A delegada territorial da Xunta en Lugo participou no acto de homenaxe celebrado en Burela, localidade natal de Rodrigo Maseda, un dos tres policías nacionais finados

 Subliñou que, por riba da dor e do dó, “o recordo que transcenderá para a eternidade é o profundo sentimento de orgullo pola acción dun familiar, dun amigo, dun veciño”

Burela, 28 de abril de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe “a inmensa xenerosidade” dos tres heroes do Orzán, que nunha mostra de compromiso vital “deron o máis prezado do ser humano en favor dos demais”.

Arias significou o “exemplo” que ofreceron os tres policías nacionais finados nun acción de rescate na baía da Coruña durante o acto de homenaxe celebrado hoxe en Burela, localidade natal dun dos axentes falecidos naquela actuación, Rodrigo Maseda.

Segundo indicou a máxima representante do Executivo autonómico na provincia, por riba da dor e do dó que latexa con forza agora, “o recordo que transcenderá para a eternidade é o profundo sentimento de orgullo pola acción dun familiar, dun amigo, dun veciño”, que entregou a súa vida “por tentar salvar a doutro ser humano”.

Durante o acto, no que foi descuberto un monolito no entorno da praia do Cantiño, co que se recorda o heroísmo de Rodrigo Maseda e dos seus compañeiros, os tamén lucenses José Antonio Villamor Vázquez e Javier López López, Arias subliñou que coma en toda desgraza, os que partiron deixan “un camiño marcado con moita dor, unha lección que debemos aprender para preservar a memoria do sucedido coa esperanza de que non se repita”.

A delegada territorial pechou a súa intervención no acto, no que tamén participaron o Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, e o alcalde de Burela, José María González Barcia, recordando as verbas do presidente galego Alberto Núñez Feijóo na cerimonia de recordo desenvolvida na Coruña: “Desexo que esteamos á altura do voso exemplo”, rematou a representante da Xunta referíndose aos tres policías.

Remitido

Exit mobile version