Neste país estamos condenados a unha continua transformación da ordenación do sistema, froito do xogo partidista que se fai da Educación; xa que cada vez que cambia o cor o Palacio da Moncloa, cambian as leis educativas. A ferramenta básica de toda sociedade que é a educación, non pode estar sometida a intereses políticos, senón que debe ser a comunidade educativa e os profesionais quen configuren o sistema.
Creo que somos moitos os cidadans de ben que temos moi claro o sistema que queremos: Un sistema que permita dar respostas ás necesidades do presente e anticípese aos cambios do futuro. Pero somos pouco ou nada consultados, e cando si o somos de cando en cando nin se nos ten en conta. Neste sentido, consideramos que debe haber un debate sereno e profundo sobre o currículo educativo, sobre se efectivamente a educación dá aos estudantes as ferramentas para converterse en cidadáns autosuficientes, libres, críticos e preparados para incorporarse a un mercado laboral globalizado.
As condicións laborais da poboación dependen da eficacia do sistema educativo. A probabilidade de que un mozo acceda a un emprego estable e adecuadamente remunerado depende, entre outros aspectos, da cantidade e calidade da educación recibida. É por iso, que o primeiro que debemos facer é cambiar o concepto gasto polo de investimento en Educación.
É necesario que tanto os responsables políticos como a sociedade asuman o financiamento en educación como un investimento social prioritario, que non debe verse afectada pola actual conxuntura económica, xa que diso dependen non só necesidades sociais presentes senón tamén o desenvolvemento futuro. En calquera caso, o debate non debe estar en se se inviste máis ou menos; a clave está en investir mellor.
Os currículos e programas permanecen alleos ás necesidades de formación, tanto persoais como das comunidades ás que están destinados. Os currículos educativos están sobrecargados e non preparan a un estudante para enfrontarse á vida e a un mercado laboral competitivo e en constante cambio.
As análises sobre o sistema están feitos, agora hai que pararse a pensar na educación que queremos; construír entre todos a sociedade que queremos. Tendo un claro obxectivo: «Se a educación non axuda ao espertar das potencialidades de cada individuo, desde as súas diferenzas e desde a súa identidade, non é educación» e simplemente unha trapallada.
A escola é a fábrica da sociedade, e iso é unha realidade; da escola saen formados os profesionais que nos atenderán nun futuro nun centro de saúde ou os que formarán ás próximas xeracións. Debemos fomentar a igualdade e o respecto entre os estudantes, a emprendeduría, a cultura do esforzo, a do consumo e da estetica e o desenvolvemento persoal. O único remedio contra as enfermidades sociais é a Educación, só a través dunha Educación igualitaria, democrática e participativa poderemos construír unha sociedade mellor.
A educación está formada por tres alicerces fundamentais: a familia, sen elas non habería fillos que educar. O profesorado, colectivo sen o cal sería imposible a educación. E os estudantes, usuarios directos do sistema. Para solucionar calquera problema sobre educación débese ter en conta a este tres axentes, e existir un compromiso entre estes e o resto de axentes que interveñen na educación.
O compromiso, definido como obrigación contraída, é o que necesita a educación. Un compromiso da sociedade pola mellora da educación. O profesorado necesita asumir o compromiso dunha formación continua, de innovar na aula. A familia necesita comprometerse a valorar a función do docente, a non considerar a escola como un espazo gardaría. O estudante debe recoñecer ao docente como facilitador de coñecemento e ter unha implicación activa no seu proceso educativo.
O alumno debe deixar de selo, para pasar a converterse en estudante. Debe pasar de ser tratado como un mero receptor de coñecementos que debe memorizar para plasmalos nunha proba; a ser un elemento activo dentro do proceso de ensino-aprendizaxe, que dispoña das ferramentas necesarias non para memorizar, senón para comprender e desenvolver os coñecementos que os profesores van transmitindo.
Otero Regal