Decenas de cativos cervenses gozaron do Día do Libro Infantil e Xuvenil rodeados de contos e historias
-A Biblioteca Pública de San Ciprián converteuse nun lugar de diversión no que os cativos se achegaron á lectura
-A narradora Raquel Queizás encargouse da sesión de contacontos na que os pequenos escoitaron as historias de “A maleta da avoa”
-A actividade tamén serviu para que os rapaces que non eran socios da biblioteca se anotaran e levaran libros para casa
Cervo, 3 de abril de 2012-Decenas de nenos e nenas de Cervo participaron este luns nas actividades programadas polo Día do Libro Infantil e Xuvenil, no que se conmemora o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, escritor danés de célebres historias infantís como A Sereíña ou O traxe novo do emperador. Unha xornada que comezaba ás 12:00 horas coa misión “En busca do tesouro”, na que uns 25 pequenos de entre 3 e 9 anos seguiron as distintas pistas distribuídas pola Casa da Casa da Cultura ata atopar o “tesouro”, consistente en lotes de contos e lambonadas. Unha actividade coa que os pequenos “estiveron moi entretidos e se familiarizaron coas instalacións da Biblioteca e da Casa da Cultura” explica a edil de Cultura, Tania González.
Nun día centrado nos libros para a infancia e a mocidade non podían faltar os contactontos, “un xeito atractivo de introducilos na maxia dos contos e as historias e de animalos á lectura” asegura González. A narradora Raquel Queizás foi a encargada de amenizar a tarde duns 30 rapaces que asistiron á sesión de contacontos “A maleta da avoa”, dirixida a cativos de 3 anos en diante e na que a contadora de historias representou diversos contos para o público infantil coa axuda de obxectos e monicreques. Ademais, a narradora preparou un escaparate de libros e contos adaptados ás idades dos pequenos, animounos a elixir os seus favoritos e convidounos a levalos para casa, polo que a actividade tamén serviu para que aqueles rapaces que non eran socios da biblioteca se anotaran e fixeran o carné.