Comeza en Cervo a instalación da rede de pluviais que mellorará o saneamento da vila e evitará as enchentes
-As obras complementarán e mellorarán a rede de saneamento que se está executando na localidade
-Trátase dunha modificación do proxecto inicial de saneamento solicitada polo Concello a Augas de Galicia
“Pedimos esta mellora co obxectivo de evitar as enchentes que se teñen producido na zona cando se rexistran chuvias moi fortes” explica o alcalde, Alfonso Villares, que se achegou ata a zona para comprobar o desenvolvemento dos traballos xunto con técnicos municipais e de Augas de Galicia. “Canalizando as pluviais a través dunha tubaxe independente e que só recolle auga da chuvia conséguese minimizar o perigo de inundacións” engade o rexedor.
O Concello de Cervo pide comprensión á veciñanza que teña que circular pola rúa que discorre pola zona de actuación, xa que nos dous ou tres próximos días permanecerá cortada ao tráfico para a execución das obras. “As molestias que se podan causar nestes días veranse compensadas unha vez que as obras estean rematadas e a rede de pluviais faga a súa función” asegura Villares.
O mandatario cervense explica ademais que o goberno local estaba agardando a poder acometer as obras da rede de pluviais para posteriormente aglomerar a vía. Pero para poder iniciar os traballos era necesario contar co visto e prace de Augas de Galicia á modificación do proxecto. Agora, coas melloras autorizadas, as obras están en marcha e en canto finalicen os traballos de colocación das tubaxes de pluviais “procederase á reposición inmediata do firme” asegura o rexedor.
Estes traballos de instalación da rede de pluviais veñen a complementar e mellorar a rede de saneamento que se está executando en Cervo, e cuxas obras estarán rematadas previsiblemente este verán.