Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputada provincial do PP asegura que a Xunta seguirá financiando a axuda no fogar

Candia asegura que a Xunta continuará co financiamento de axuda no fogar e pídelle á Deputación coordinación para acadar maior eficacia e rendibilidade dos recursos

A voceira do Partido Popular nega as afirmacións verquidas polo grupo de goberno da Deputación nas que acusan ao organismo autonómico de deixar sen prestación dentro do programa Axuda no Fogar a un alto número de veciños da provincia de Lugo

Lugo- 9-04-2012 A portavoz do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, nega as acusacións do goberno provincial nas que denuncian que a Xunta de Galicia deixará sen prestación dentro do programa de Axuda no Fogar (SAF) a máis de 30.000 persoas da provincia de Lugo. Candia asegura que estas declaracións referentes ao novo decreto publicado o pasado 30 de marzo no DOG sobre os servicios sociais comunitarios desvirtúan a realidade e salienta que a Consellería de Traballo e Benestar non deixará de financiar a ningún concello.

Candia explica que en concreto, segundo esta normativa que modifica o que antes se coñecía como plan concertado, a Xunta de Galicia financiará o SAF dependencia e os traballadores sociais (os profesionais de referencia) dos concellos de Galicia e en concreto, da provincia de Lugo. A maiores, nos casos de concellos que teñan máis de 20.000 habitantes a administración autonómica financiaralles tamén o servizo de axuda no fogar (isto é para non dependentes) e o resto de persoal de servizos sociais (aquel persoal que non sexa traballador social).

A popular asegura que o goberno da Deputación está a desvirtuar a realidade e explica que este decreto buscar mellorar e axilizar o financiamento destes servicios sociais. Segundo explica a portavoz provincial, a asistencia de axuda no fogar básica é de competencia municipal e a Lei de Administración local e de Servizos Sociais, que se desenvolven con este decreto, establece que as Deputacións deben colaborar económicamente e prestar asistencia técnica aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes. Polo tanto, o novo decreto establece que os organismos provinciais apoiarán principalmente o financiamento do SAF básico e do resto de persoal; mentres que a Xunta centrarase no SAF dependencia e nas nóminas dos traballadores sociais.

Ante estas competencias propias das administracións provinciais, a portavoz provincial pídelle ao organismo lucense colaboración e coordinación coa Xunta de Galicia e cos entes locais para acadar así unha maior eficacia e rendibilidade dos recursos. Candia critica que o goberno da Deputación actúe sen consensuar proxectos e iniciativas que permitirían en época de reducción orzamentaria, optimizar os resultados obtidos con menor financiación e principalmente en áreas nas que non dispoñen de estudos ou outros instrumentos que permitan tomar decisións produtivas.

Pola tanto, Candia nega que a Xunta de Galicia deixe o financiamento destes servizos con cargo as arcas dos propios municipios, senón que é a Deputación debe colaborar en consenso, tal e como establece a lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, e a Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia. Segundo denuncia a portavoz local, o papel dunha Deputación para optimizar os recursos non se debe basear en tomar decisións por libre, como é a promesa da creación de residencias, sen contar co apoio de ningunha administración. Candia explica que a optimación dos bens públicos nunha área conséguese ao traballar en consenso e esta coordinación e indiscutible e necesaria en época de crise económica.

Exit mobile version