Site icon Crónica3.com A Mariña

Prevese un episodio con mar de fondo e mar combinada que podería superar os 5 metros na costa de Lugo

A Xunta alerta dun fenómeno adverso de nivel laranxa que afectará ao litoral norte de Galicia

En Lugo e no oeste e noroeste da Coruña espéranse episodios de mar de fondo, con ondas de 4 a 5 metros, e mar combinada que podería superar os 5 metros

Santiago, 22 de abril de 2012.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun episodio de meteoroloxía adversa de nivel laranxa que afectará a partir de mañá ao litoral das provincias da Coruña e Lugo.

Segundo previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da Delegación Territorial de Galicia, a partir das 16.00 horas de mañá e durante todo o día, no oeste e noroeste da provincia da Coruña esperase mar de fondo do noroeste, con ondas de 4 a 5 metros de altura; e un episodio de mar combinada no que poderían chegar incluso a superar os 5 metros.

Así mesmo, na costa lucense tamén se prevé mar de fondo do noroeste -con ondas de 4 a 5 metros- e mar combinada que podería superar os 5 metros; ademais de áreas de mar moi grosa. Estes fenómenos comezarán un pouco máis tarde que na provincia da Coruña, en torno ás 18.00 horas, e están previsto que rematen ás 00.00 horas do día 24 de abril.

Non obstante, desde a Axencia Estatal de Meteoroloxía tamén se informa da ampliación do episodio de mar de fondo do noroeste para o mesmo ámbito xeográfico entre as 00.00 e as 11.00 horas do martes, 24 de abril.

Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos costeiros; ás Deputacións, aos servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos das dúas provincias galegas, entre outros.

Tamén, este departamento quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoprotección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Por último, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
Remitido

Exit mobile version