Site icon Crónica3.com A Mariña

Interpretacións

INTERPRETACIÓNS

Baixo o título que encabeza, a artista M. Manxela (María Pérez Losada), ourensá licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e profesora de artes plásticas en Palma de Mallorca, actualmente no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao, onde completa o seu último proxecto artístico, interpreta os entornos naturais que lle resultan mais próximos: os ríos ourensáns, as augas e os ceos de Mallorca e os horizontes da Mariña. No CENIMA de Foz penduran dúas ducias de acuarelas como mostra dun traballo que nace da identificación da artista coa natureza que a arrodea, e que dende o seu interior maniféstase a través da auga e da cor. “É – di a artista – unha viaxe polo meu interior que se reflicte no exterior”.A aportación poética, espontánea, do vate focego Paco Rivas, trovador do noso mar, pon na obra pictórica a expresión lírica que redobra a beleza para maior disfrute do espectador sensible, amante dos valores que transcenden a apreciación do puramente material : “ Polo serán,/esconde o sol un vermello, /un verde-azul vén do mar, / a lúa compondo versos, / pinta na miña ventá”, “Bicouse o sol coa Aurora / ao abrir o sol a ventá / bolboretas de alas rotas/ chorou o mar ao espertar”.Unha ducia de cadros que compoñen a serie “Horizontes” interpretan desde os sentimentos da autora outras tantas visións de anacos da Mariña. Sitúase no epicentro da paisaxe que a namora e dela absorve o néctar que anímicamente a identifica: “Pintarei de azul o mar / fareino con este ceo / que lle collín ao pasar,/ a unha nube do seu peto”. O desnudo feminino faise presente na obra de M,Manxela, en dúas series : Núa I, II e III e outros tres cunha orixinal consideración expresados nos seus títulos: “Un cuarto de hora de desnudo”…O numen poético de Paco Rivas exalta o traballo artístico da pintora: a arte plástica e a poesía, unha vez mais, xúnguense para amosar ó observador o engado supremo da beleza: “Ponte do día ,/ ollo de noite,/ luz que alteza, / luz que se esconde./ Rúa do ceo,/casa ledicia,/ luz que desperta/ soños de vida./ Ponte de día./ Rúa do ceo, / Rego que pasa./Soños que bebo”.

Suso Fernández

Exit mobile version