Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela acompañou a familia de Rodrigo Maseda na homenaxe aos Heroes de Orzán

O ALCALDE DE BURELA ARROUPOU NA CORUÑA Á FAMILIA DE RODRIGO MASEDA NA HOMENAXE AOS HEROES DO ORZÁN. BARCIA DESTACOU A ENTEIREZA DA FAMILIA E A ASISTENCIA DE VECIÑOS DE BURELA.

Burela, a 21 de abril de 2012. O alcalde de Burela, José María González Barcia, asistiu hoxe no recinto de Expo-Coruña á homenaxe que o Ministerio de Interior lle rindeu a Rodrigo Maseda Lozano e aos seus compañeiros, os heroes do Orzán, así como ás forzas e corpos de seguridade que participaron nas labores de búsqueda e rescate. González Barcia estivo arroupando á familia de Rodrigo Maseda, nun acto que, segundo verbas do alcalde, “foi moi emotivo e sentido por todos os que alí estábamos, e que tentou en todo momento destacar os valores de solidariedade, de compromiso, de vinculación coa sociedade, ata chegar a dar a vida por un semellante, que se teñen representado tal e como coñecemos en Rodrigo e nos seus compañeiros”.

O alcalde burelés puido comprobar “a enteireza coa que está levando a familia de Rodrigo, seus pais e seu irmán, esta dramática situación. Ademais, quero destacar a presencia de veciños de Burela neste acto, o que demostra, unha vez máis, que o noso pobo é un pobo solidario. Estou seguro que O Cantiño vai quedar moi pequeno o próximo sábado na homenaxe que Burela lle vai rendir a Rodrigo Maseda”.

Barcia indicou que “a homenaxe do vindeiro sábado será sinxela, pero tamén queremos que sexa acorde co inmenso acto de xenerosidade que tivo Rodrigo Maseda. O luns concretaremos os detalles propios da realización do acto”.

Exit mobile version