Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo asina un convenio coa Consellería do Mar para a utilización do guindastre do porto

O alcalde de Cervo asina un convenio coa Consellería do Mar para a utilización do guindastre do porto

-O Concello solicitáralle á Consellería a cesión da grúa despois de que o Club Náutico lle trasladara ao goberno local o seu interese en aproveitala

-A máquina, propiedade da Xunta, é de utilidade para varar as embarcacións

Cervo, 4 de abril de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asinou en Santiago de Compostela o convenio que permitirá o aproveitamento e utilización do guindastre de titularidade autonómica situado no porto de San Ciprián. Na sinatura estiveron presentes o rexedor cervense e o secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural e do Mar, Francisco Vidal-Pardo. Deste xeito, a Xunta responde á petición realizada hai uns meses polo goberno municipal, que solicitaba a cesión desta máquina en beneficio do Concello cervense.

Unha xestión que ten como obxectivo final que o Club Náutico de San Ciprián poda utilizar o guindastre. Deste xeito, o Concello quere atender a demanda realizada por esta entidade para o aproveitamento da máquina. “O Club Náutico trasladounos o seu interese por empregar un ben do que ninguén se estaba beneficiando e que non estaba prestando ningún servizo” explica o alcalde “polo que decidimos iniciar os trámites para facer posible que o Club Náutico lle sacara proveito a un recurso público”. Agora que o guindastre é responsabilidade do Concello cervense, queda pendente un segundo trámite para que a entidade faga uso del. “Iniciaremos canto antes as xestións oportunas para que o Club Náutico poda utilizar o grúa” engade Villares.

Este guindastre telescópico é de funcionamento hidráulico e entre as súas funcións está o apoio na varada das embarcacións así como outros servizos complementarios. A súa capacidade é de 10 toneladas e foi adquirido pola Xunta no ano 2008. A confraría de pescadores foi usuaria da grúa durante un tempo, pero renunciou á súa utilización quedando dende entón sen beneficiario.

Exit mobile version