Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros apoia as reivindicacións dos veciños par modificar o trazado do gasoduto

O BNG MANIFESTA O SEU APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS VECIÑAIS PARA A MODIFICACIÓN DO TRAZADO DO GASODUTO. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE A POSTURA DO CONCELLO TEN QUE SER A DEFENSA A ULTRANZA DAS VECIÑAS E VECIÑOS SEN CEDER ÁS PRESIÓNS EXTERNAS.

Barreiros, 21 de abril de 2012. O BNG de Barreiros manifesta o seu apoio ás reivindicacións veciñais para a modificación do trazado do gasoducto. Na xuntanza celebrada na tarde de onte as veciñas e veciños de Barreiros amosaron, unha vez máis, o seu rexeitamento frontal ao trazado do gasoduto ao seu paso por este concello. Desde o BNG sinalan que “nesta xuntanza o alcalde barreirense tratou de xustificar o trazado proposto pola necesidade estratéxica para a empresa Alcoa, a pesares de ser coñecedor da oposición existente entre as veciñas e veciños. Neste sentido, nós instámolo a posicionarse ao seu lado e a non presentarse coma un simple mensaxeiro, senón coma un alcalde dun pobo que sae claramente perxudicado por este proxecto.”

Para o BNG “é fundamental que o alcalde de Barreiros, como representante das veciñas e veciños que é, defenda os intereses xerais e non trate de disculpar a actuación cun argumento que pode cualificarse de demagóxico; facéndolle crer á xente que o seu posicionamento pode supor o peche de Alcoa.”

O BNG insiste en que “o alcalde de Barreiros ten que defender ás veciñas e aos veciños e as empresas privadas xa defenderán os seus intereses como elas consideren. Evidentemente, nin o BNG nin as veciñas e veciños de Barreiros queren perxudicar a ningunha empresa, nin se opoñen ao paso do gasoduto, pero entenden fundamental que se faga unha modificación do seu trazado que afecte o menos posible ás e aos barreirenses.”

Desde o Bloque Nacionalista Galego de Barreiros agardan “que na próxima xuntanza sobre este tema o alcalde acuda en calidade de tal, e non coma un simple mensaxeiro, defendendo o posicionamento mantido na xuntanza de onte. O BNG tívoo claro desde o principio: tan importantes son os intereses de calquera empresa como os das veciñas e veciños e, como o fixo desde o primeiro momento, o Bloque Nacionalista Galego de Barreiros está do lado das e dos barreirenses, que saen claramente perxudicados co actual proxecto e apoiará cantas accións se acorden para a defensa dos seus intereses”.

Exit mobile version