Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela valora o PXOM e anuncia que presentará alegacións para que se corrixan deficiencias

VALORACIÓN DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL

No mes de febreiro pasado aprobouse inicialmente o Plan Xeral de Ordenación
Municipal do Concello de Burela e, unha vez analizado pormenorizadamente e ao
detalle, dende o BNG queremos facer a seguinte valoración do que supón este Plan
Xeral para o noso pobo.

As singulares características do noso concello (algo menos de 8 km2 e limitado
polo mar, pola variante e pola vía férrea) viron mermadas as súas posibilidades de
expansión urbanística por dúas leis ou directrices que aprobou o goberno do PP na
Xunta de Galiza e que hipotecaron urbanisticamente o noso concello en zonas moi
concretas. Estamos falando do Plan de Ordenación do Litoral e das Directrices de
Ordenación do Territorio que imposibilitan a expansión do noso pobo pola zona da
Marosa, pola zona de Foxo e pola zona do Cantiño. Nestas tres zonas non é posible
facer nada e cando isto se aprobou na Xunta, o PP de Burela nada dixo e nada alegou,
deixando así hipotecados e sen ningún valor, por exemplo, os máis de 40.000 m2
que o goberno do PP de Burela mercara na Marosa para construír alí unha zona deportiva. E
agora esta zona é intocable. Igual que pasa na zona do Cantiño, onde só se permite o
que xa hai pero nada novo máis.

Pero hai outra cuestión importante sobre a que ultimamente tampouco di nada
o PP de Burela e que tamén hipoteca urbanisticamente o noso pobo. Trátase do futuro
corredor ou autovía que, no trazado proposto polo Ministerio de Fomento, pecha o
noso crecemento urbanístico cara ao sur. Cando o PP non gobernaba en Madrid, todo
eran protestas por parte do PP de Burela; pero, agora que gobernan no Estado, os de
aquí calan e non se atreven a manter a proposta unánime de toda a Corporación e de
todo o pobo de Burela para que o trazado desta estrada pase polo sur do noso
concello. Exactamente igual que pasa co acceso ao porto, tamén reflexado no PXOM,
que está parado dende hai máis de dous anos, dende que o PP chegou á Xunta de
Galiza. E o PP de Burela cala.

Outros temas importantes neste Plan Xeral e que son moi decisivos para os
veciños e veciñas de Burela son, en primeiro lugar, unha serie de polígonos en solo
urbano non consolidado que supoñen que os veciños desas zonas terán que pagar os
custos de urbanización e facer cesións para as rúas, os espazos libres e as zonas
dotacionais. E isto supón un agravio comparativo con solares colindantes que non se
encontran incluídos nos polígonos porque estes están trazados arbitraria e
discriminatoriamente.

Hai, tamén, unha contradición no PXOM entre o que se escribe e o que aparece
nos planos nas zonas dos Castros e Castrelo. Na normativa escrita son zonas da
protección arqueolóxica integral nas que se impide calquera tipo de actuación
edificatoria, mentres que nos planos si se permite edificar. Isto produce inseguridade
xurídica e repercusións negativas para os afectados polos enormes custos económicos
que terían que soportar polas escavacións arqueolóxicas que terían que facer pola súa
conta.

E, xa por último, outro tema importante ao noso xuízo é a discriminación que
supón as vivendas catalogadas como patrimonio a protexer en certas zonas de Burela.
Porque hai vivendas catalogadas, nas que só se pode conservalas, e outras moi
similares ao lado que non están catalogadas e, polo tanto, poderán ser modificadas,
ampliadas ou construír un edificio no seu lugar. É dicir, fíxose unha catalogación de
vivendas totalmente aleatoria e discriminatoria.

Sobre todos estes asuntos, o BNG presentará as alegacións oportunas ao PXOM
para que se corrixan todas estas deficiencias e, ademais, para explicar todos estes
puntos máis polo detalle, convocamos este próximo venres día 20 ás oito e media da
tarde no Salón de Conferencias (antiga Biblioteca de Burela) a todos os veciños de
Burela que queiran ter máis información sobre o Plan Xeral

Remitido

Exit mobile version