Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo pide a revisión da taxa de venta no mercado de San Cibrao ao sentirse enganado polo grupo de goberno, que afirmou tela negociado cos vendedores

O BNG PIDE A REVISIÓN DA ORDENAZA FISCAL DA VENDA AMBULANTE PARA EVITAR A DESAPARICIÓN DO MERCADO SEMANAL DE SAN CIBRAO

Os nacionalistas consideran que coa taxa que se aplica estase promovendo a súa desaparición prexudicando non so aos vendedores ambulantes senón ao conxunto da poboación.

Recoñecen que votaron a favor da taxa enganados polo grupo de goberno que afirmou tela negociado cos vendedores.

Cervo, 19 de abril de 2012. O BNG Cervense demandou hoxe a revisión da ordenanza fiscal nº 25 reguladora da Taxa polo exercicio da venta ambulante no mercado de San Cibrao para evitar a desaparición do mercado semanal que se celebra tódolos xoves en San Cibrao. Aínda recoñecendo o seu voto favorábel no pleno de 26 de novembro de 2011, aclaran que o goberno municipal afirmou que esta fora negociada cos propietarios dos postos, cousa que non foi certa como se demostra coas protestas dos afectados que hoxe forzaron unha reunión co goberno local para tratar o asunto. Para os nacionalistas as trabas burocráticas e os excesos na taxa poden facer desaparecer o mercado semanal con repercusións negativas para os ambulantes e para o conxunto da poboación.

Hai mercados na comarca con maior movemento económico e maiores dimensións con taxas menos gravosas que o de Cervo

Os nacionalistas compararon ordenanzas fiscais doutros concellos da comarca con mercados mais concorridos e con maior movemento económico que non teñen taxas tan gravosas como o de Cervo, o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa García, puxo o exemplo do mercado semanal de Foz mais tamén lembrou que, non é o mesmo vender nuns sitios que noutros nin hai o mesmo movemento económico no vrao que no inverno e o mercado debería manterse todo o ano. Neste sentido agardou que o goberno local sexa sensíbel á situación económica e ás demandas dos vendedores que sufriron importantes caídas nas vendas nos últimos meses no mercado de San Cibrao.

Os nacionalistas piden unha revisión da ordenanza fiscal que rebaixe burocracia, reduza as taxas e discrimine positivamente a venda de produtos de horta dos pequenos postos de banqueta como fan noutros concellos da comarca.

Estúa pediu unha revisión da ordenanza fiscal que evite a fuga de vendedores a outros mercados, neste sentido argumentou que hai aspectos burocráticos e na modalidade de pago que deberían revisarse, igualmente pediu que se reduzan as taxas xenericamente e que haxa unha discriminación positiva para aqueles pequenos postos de froita e produtos de horta tradicionais que aproveitan os mercados semanais para vender os seus excedentes ao igual que sucede nas ordenanzas doutros concellos.

A desaparición do mercado semanal repercutiría negativamente non so nos vendedores ambulantes, tamén no conxunto da poboación.

Para Estúa, un mercado como o de San Cibrao débese potenciar e promover, non afogalo. O nacionalista recoñeceu que o BNG votou afirmativamente a nova taxa no pleno do 26 de novembro cando o goberno local argumentou que estabas negociada cos vendedores, cousa que se demostrou falsa. O nacionalista confirmou que na mañá de hoxe os vendedores forzaron unha reunión con membros do equipo de goberno e agardan que por parte do goberno local sexan sensíbeis ás súas demandas xa que hoxe xa se notaba unha importante rebaixa no número de postos instalados que non pasaban de 10 mentres no estudo económico para a aprobación da taxa as previsións eran de 40 postos semanais

Remitido

Exit mobile version