Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo pide ao PP que explique os recortes que aplica nos servizos sociais que afectan ás persoas maiores

O BNG PIDE AO PP QUE EXPLIQUE OS RECORTES QUE APLICA O SEU PARTIDO NOS SERVIZOS SOCIAIS QUE AFECTAN ÁS PERSOAS MAIORES

É hipócrita que o PP fale dos esforzos e homenaxes ás persoas maiores ao tempo que limita o servizo sanitario público e elimina as axudas aos concellos en servizos sociais.

Os recortes da Xunta do PP no Servizo de Axuda no Fogar baixaron en Cervo de 25.000 euros no 2010 a 6000 no 2011 até os cero euros no 2012 co Decreto 99/2012 de 16 de marzo.

Cervo, 30 de abril de 2012. O BNG cualificou de hipócritas as declaracións de responsabeis do grupo de goberno de Cervo que sen rubor falan de esforzos e homenaxes ás persoas maiores do concello ao tempo que amparan e falsean a realidade dos brutais recortes promovidos polo seu partido político na Xunta e no Estado en política social e sanitaria. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa García afirmou que o Decreto 99/2012 de 16 de marzo no seu artigo 47 deixa sen financiamento autonómico ao Servizo de Axuda no Fogar que afecta en Cervo a 40 usuarios e usuarias, fundamentalmente maiores, e outras que están en lista de espera por razóns económicas. O nacionalista subliñou os orzamentos do Estado recortan nun 48% as previsións de usuarios contidas no Servizo de Axuda no Fogar incluída para o Plan Concertado e a Xunta presidida por Feijoo lonxe de demandar incrementos económicos nestas partidas segue ao ditado co Decreto 99/2012 o mandato de Madrid.

En xogo 40 usuarios do SAF mais os que están en espera de atención, 16 postos de traballo entre SAF e o PAI ao que asisten 22 nenos e nenas.

Os nacionalistas explicaron que no caso de Cervo está en xogo a atención de 40 usuarios e usuarias do servizo de axuda no fogar mais un número indeterminado en lista de espera pero tamén a atención de 22 nenos e nenas inscritos no Punto de Atención Infantil e 16 postos de traballo necesarios para manter estes servizos. Estúa advertiu que o propio decreto obriga a unha modificación da ordananza de do Servizo de Axuda no Fogar(SAF) e o Plan de Axuste aprobado recentemente polo goberno local xa prevé o cobro polo servizo do P.A.I. ao que asisten 22 nenos e nenas. Os nacionalistas insisten en que será moi difícil manter estes servizos cofinanciados fundamentalmente polo concello, a Deputación e a Xunta si esta última retira totalmente a súa aportación.

A Deputación coa Area de Benestar xestionada polo BNG xa puxo mais que a propia Xunta nos últimos dous anos

Os nacionalistas cervenses lembraron que os datos son claros en relación ao concello sobre o cumprimento de responsabilidades por parte da administración autonómica e a Deputación nos dous últimos anos: no ano 2010 a Consellaría de Benestar aportou para o Plan Concertado 25.242,53 euros por 45.484 en axudas a políticas sociais da Deputación e no 2011 a Xunta rebaixou a 5.961,2 euros a súa aportación mentres a Deputación subvencionou con 26.315 euros. Agora no 2012 coa publicación do Decreto 99/2012 a Xunta baixa a cero a súa participación, “mentres os representantes políticos do PP de xeito hipócrita piden correponsabilidade á Deputación obvian que esta xa estaba aportando mais e agora queren que o poña todo”, afirmou Estúa.

Os orzamentos do Estado e o Decreto 99/2012 da Xunta dinamitan o Servizo de Axuda no Fogar

Estúa criticou a dobre moral dos representantes municipais do PP “aos que se lles enche a boca falando do seu apoio aos maiores mentres dinamitan o financiamento dos servizos sociais para persoas maiores”, O nacionalista advertiu que o Decreto 99/2012 é a continuación do orzamento do Estado para 2012 que diminúe nun 48% as previsións de usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar que terá efectos demoledores tanto no emprego como na prestación asistencial.

Remitido

Exit mobile version