Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz contrario a fumigación dos montes “aposta por métodos biolóxicos antes que os químicos”

O BNG DE FOZ REXEITA A FUMIGACIÓN DOS MONTES QUE QUERE LEVAR A CABO A XUNTA DE GALIZA CON AXENTES QUÍMICOS PROHIBIDOS POLA UNION EUROPEA

“O BNG aposta por métodos biolóxicos antes que os químicos” declara Basanta

Foz, a 20 de abril de 2012.- O BNG presentará unha moción en pleno opoñéndose á intención da Xunta e da industria papeleira de fumigar as plantacións de eucalipto galegas e de Foz en particular cun pesticida químico (flufenoxuron) para combater a praga do gorgullo.

A Xunta ven de dar luz verde e promover este tipo de fumigacións cando o flufenoxuron é un produto que lle queda pouco para seguir no mercado porque segundo a Unión Europea ten efectos nocivos sobre a saúde e sobre o medio ambiente. A propia Unión Europea ordena que estes produtos con ese compoñente deixe de comercializarse a partir do 1 de agosto de 2012. Na decisión da Comisión Europea sobre o flufenoxuron di claramente que “as características do flufenoxuron fano moi persistente e moi bioacumulable e tóxico” e “demostrou efectos inadmisibles para el compartimento acuático”. O propio prospecto do producto deixa claro que é “moi tóxico para os organismos acuáticos e pode provocar a longo prazo efectos negativos no medio ambiente acuático”.

Segundo a opinión de Xan Carlos González Basanta, o portavoz municipal do BNG, outro dos graves problemas é que a fumigación do insecticida faríase en grandes cantidades -para ser efectiva- e seguramente por métodos aéreos cando existen estudios especializados que afirman que ata o 60% dos agrotóxicos dispersados por medios aéreos (avioneta ou helicóptero) adoitan caer e a expandirse varios quilómetros de distancia fóra do seu obxectivo. Nunha zona con moitos cursos de auga e con variedade de especies isto suporía un grave atentado ecolóxico. A maiores non existen insecticidas específicos para combater o gorgullo do eucalipto polo que empregando un xenérico como o flufenoxuron afectaríalle á práctica totalidade de insectos e principalmente ás abellas, que teñen unha función polinizadora esencial para os ecosistemas.

Diferentes organización e asociacións medioambientais – ADEGA, SLG, SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL,… – xa se teñen manifestado contra a utilización deste produto por ser unha sustancia non empregada masivamente con anterioridade, comparativamente cara e, sobre todo, polos efectos nocivos contra as persoas e o medioambiente.

Desde o punto de vista do BNG, non existen motivos nin económicos nin medioambientais para realizar esta campaña de fumigación cunha substancia química prohibida en Europa e que ademais contraponse de cheo coa loita con métodos biolóxicos pola que se estaba a apostar. Esta decisión ten toda a pinta de esconder intereses moi concretos da industria química e das celulosas. Chama a atención tamén que as fumigacións sexan gratuítas para os propietarios dos montes e nese sentido o BNG xa fixo no Parlamento Galego unha pregunta.

O BNG aposta por continuar con medios biolóxicos para combater as pragas nas plantacións porque son máis efectivos, máis selectivos e teñen efectos menos perniciosos sobre o as persoas e o medio ambiente.

Remitido

Exit mobile version