Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá considera inxusto o orzamento aprobado para o 2012 polo concello é di que non corresponde coa realidade actual

O BNG DE LOURENZÁ CONSIDERA INXUSTOS OS ORZAMENTOS DE 2012

Lourenzá, 14 de abril de 2012. O BNG de Lourenzá considera que o orzamento aprobado para o ano 2012 polo pleno do Concello é inxusto e non se corresponde coa realidade do momento actual, pois cunha baixada orzamentaria de preto dun 16% (de 1.975.000€ no 2011 a 1.636.000€ no 2012) a partida destinada a “órganos de goberno e persoal directivo” (salarios de cargos electos) subiu do 3,64% do total orzamentado no 2011 ao 5,26% no orzamento do 2012, incrementando a súa cuantía só este ano en 14.000€ e pasando dos 72.000€ para o ano 2011 aos 86.000€ para o 2012, neste senso se expresou o portavoz nacionalista César Docampo ao mesmo tempo de escusarse de non haber asistido ao pleno por motivos laborais: “ sinto non haber podido asistir a un pleno tan importante, presento as miñas desculpas ao grupo municipal do PP e do PSdG , pero coa documentación na man e unha vez analizada teño a obriga de dicir que este orzamento é de todo inxusto, en tempo de crise e coa austeridade por bandeira non se pode subir esa partida en 14.000€ mentres se están a recortar tódolos servizos á cidadanía”.

O BNG de Lourenzá considera surrealistas os orzamentos do Concello, pois coa economía nacional en caída libre e o paro en aumento prevé unhas recadacións case que imposibles se temos en conta os dereitos de cobro da liquidación do ano 2011, neste senso argumentan os nacionalistas laurentinos que non é lóxico, coa que está a caer, que a recadación de impostos directos vaia a crecer ou o imposto sobre actividades económicas, a situación de crise actual indica máis ben todo o contrario, todo isto fai crer aos nacionalistas laurentinos que este volta a ser un orzamento ficticiamente inchado e imposíbel de cumprir.

O BNG pregunta polos recortes da Xunta de Galiza en materia de servizos sociais.

O BNG de Lourenzá mostra a súa preocupación polo futuro dos servizos sociais do Concello e polo máis que previsíbel impacto negativo que terá neles a aplicación do decreto 99/2012 do 16 de marzo, que elimina o financiamento da Xunta para os distintos servizos incluídos no Plan Concertado para Concellos de menos de 20.000 habitantes, o Bloque de Lourenzá está seguro de que sen este financiamento (85.000€ no ano 2011) será moi difícil por non dicir imposíbel prestar os servizos ate o de agora ofertados. Neste senso o BNG presentou nas oficinas municipais unha serie de preguntas e solicitudes destinadas a coñecer as subvencións solicitadas polo Concello á Xunta de Galiza en materia de aplicación de servizos sociais para o ano 2012, así como un informe desglosado do investimento que o Concello ten previsto realizar no exercicio 2012 en concepto de servizos sociais e xuventude.

O plan de axuste asociado ao decreto-lei 4/2012 implica a suba de taxas directas dun 25%.

O BNG de Lourenzá considera inxusto o plan de axuste e saneamento elaborado polo Concello con respecto ao decreto-lei 4/2012 xa que implica por exemplo a suba de taxas de recollida de residuos sólidos un 25% no ano 2013, un 15% na taxa do servizo do punto de atención á infancia (P.A.I.) ou un 6,4% na taxa do servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento, para o concelleiro portavoz nacionalista César Docampo: “é totalmente incríbel que a mala xestión dos recursos municipais a acaben pagando de novo os cidadans, para nos resulta pouco ético facer unha suba de taxas directas dun 25% na recollida do lixo, para recadar 24.000€ máis mentres se aproba un incremento da partida orzamentaria destinada a salarios de alcalde e tenente alcalde de 14.000€, tampouco entendemos como o funcionamento do concello incrementa a súa porcentaxe de gasto nos orzamentos municipais dun 42,43% no 2011 ao 48,80% no 2012 cando a poboación do concello está a diminuír alarmantemente”.

Os nacionalistas laurentinos rexistraron tamén en dependencias municipais unha solicitude relativa ao decreto-lei 4/2012 na que solicitan un informe da débeda existente do Concello con outras administracións ( Xunta, Deputación, outros Concellos ou sociedades públicas dependentes das distintas administracións), xa que dito decreto-lei non contempla a posibilidade de incluír este tipo de débedas no plan de saneamento.
Remitido

Exit mobile version