Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove pide a mellora do acceso á Escola de Música

O grupo municipal nacionalista insta a mellora do acceso á Escola de Música de Xove

O pleno do vindeiro luns debaterá unha moción do BNG para que o goberno local amplíe e acondicione o entorno do antigo colexio público de Palmeiro

A vella escola da Urbanización de Palmeiro foi mudando de función desde que deixou aquela para a que foi creada, isto é: a de ser un centro da Consellaría de Educación. Hoxe en día é un dos lugares con máis actividade social do concello de Xove, sendo lugar de ensaio da Escola Municipal de Música e sitio onde outras asociacións culturais realizan as súas actividades.

Marco López, portavoz municipal do BNG na corporación xovense, asegura que este singular edificio foi rehabilitado tanto no seu interior como na súa cuberta en época recente, pero que este acondicionamento tamén se debería estender ao acceso ao edificio, que a día de hoxe é “estreito e perigoso” por carecer dun balado de protección do lado do terraplén.

Desde o Bloque tamén fixeron fincapé na necesidade dunha actuación de acondicionamento no entorno da escola, moitas veces cheo de cascallos dos camións de madeira e autocargadores que usan a pista de acceso e onde, nalgunhas ocasións, “tamén se amorea a madeira pinchada dos montes próximos”.

Por esta razón, o grupo municipal do BNG pedirá na sesión plenaria convocada para o vindeiro luns que se amplíen e acondicionen os accesos e o entorno da Escola de Música en harmonía coas obras realizadas nela, así como que se tomen cantas medidas lle sexan propias para manter dignas e en bo estado estas melloras.

Exit mobile version