Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe á Xunta a retirada do decreto que deixa sen finaciamento para o SAF básico aos concellos mariñaos

O BNG ESIXE Á XUNTA A RETIRADA DO DECRETO QUE DEIXA SEN FINACIAMENTO PARA O SAF BÁSICO AOS CONCELLOS MARIÑAOS

Estoa denuncia que a Xunta está a sentenciar de morte aos servizos sociais nos Concellos da Mariña.

Manuel Parga afirmou que “a Xunta non ten alma cando toma estas medidas que recurtan servizos básicos ás persoas máis desfavorecidas”

Antonio Veiga esixiu á Xunta “compromisos no apartado orzamentario para seguir mantendo os servizos básicos de benestar nos concellos lucenses”

Lugo, 27 de abril de 2012. Esta tarde, o Consello Comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña mantivo unha xuntanza para , comparecer posteriormente en rolda de prensa no local comarcal do BNG para mostrar a súa oposición ao Decreto 99/2012 de 16 de marzo que “exclúe da axuda pública por parte da Administración Autonómica os servizos de axuda no fogar en todos aqueles concellos menores de 20.000 habitantes, o que significa que todos os Concellos da Mariña terán que financiar con fondos propios o servizo de axuda no fogar” – afirmou Antonio Veiga.

Antonio Veiga, responsábel comarcal do BNG na Mariña e responsábel da Área de Benestar Social da Deputación de Lugo, considerou “un auténtico escándalo que a Xunta de Galiza se desentenda absolutamente do que é a atención aos maiores na práctica totalidade dos concellos da provincia xa que a decisión que recolle o DOG no artigo 47 do Real Decreto 99/2012 de 16 de marzo, deixa sen posibilidade de cobertura a moitas persoas da provincia, e non só iso, senón que esta decisión vai provocar perda directa de emprego e afondar na fenda social entre a Galiza urbana e a Galiza rural, cando é esta a que concentra unha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos. Non é de recibo que un servizo que a día de hoxe era financiado basicamente coas achegas que efectuaba a Deputación e a Xunta se quede sen o respaldo económico, posto que a retirada de dotación orzamentaria por parte da Xunta, inviabiliza que os concellos poidan seguir a prestalo”.

Veiga comparou as cifras entre o que aporta a Xunta de Galiza e a Deputación de Lugo para o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) para amosar o desentendemento que a Xunta está a ter orzamentariamente neste aspecto xa que en 2010 a Xunta aportaba 1.136.000 euros por 500.000 da Deputación; en 2011 a Xunta baixou aos 459.000 euros e a Deputación mantivo os 500.000 euros, e neste 2012 a Xunta anula as axudas mentres que a Deputación realiza o esforzo de aumentar até os 600.000 euros esta cantidade.

Na mesma liña o Portavoz do BNG na Mariña indicou que “ alén da axuda no fogar básico este decreto sentencia de morte aos equipamentos sociais existentes na Mariña, de xeito moi particular as Escolas Infantís de Vicedo, Xove, Barreiros e Cervo, o que significan máis de 120 prazas e outro tanto acontece cos centros para maiores, na medida en que a Xunta se desentende do financiamento do persoal daqueles centros de maiores de titularidade local ao que debemos engadir a negativa a concertar prazas fora das areas de Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo. Porén a poda vai ter o seu correlato no ámbito das unidades de traballo social dos Concellos. O PP aproveita a crise para aumentar as desigualdades sociais.

Pola súa banda, Manuel Parga, deputado do BNG no Parlamento Galego, definiu este decreto como “o maior golpe ao sistema de servizos sociais no país”, e insistiu en que “alén de privar aos concellos de financiamento para o sistema de axuda no fogar, recolle auténticas barbaridades como é a modificación dos criterios de financiamento da Dependencia, até agora asumidos na súa totalidade pola Xunta e o goberno central, e que agora pasarán a ser asumidos tamén polos concellos. Na mesma liña, non é de recibo que o goberno autonómico retire tamén o financiamento para as unidades de traballo social de concellos de menos de 20.000 habitantes, xa non só porque vai na liña de discriminar aos concellos de menos poboación senón porque vai significar que todo o que é o sistema de servizos sociais dos concellos, as unidades de atención aos drogodependentes, os equipos de educadores familiares…. desaparezan co que ten de merma de prestacións para quen máis o precisa, pois estamos falando de colectivos en risco de exclusión, senón tamén porque incide na destrución de emprego, creando auténticos dramas porque vai haber moitos despedimentos debido a que os concellos veranse obrigados a reducir persoal”. Neste sentido Parga afirmou que “a Xunta non ten alma cando toma estas medidas que recurtan servizos básicos ás persoas máis desfavorecidas”.

Federico G. Estoa, alcalde de Riotorto, que falou no nome da representación de alcaldes, afirmou que “a Xunta non pode seguir recurrindo a términos eufemísticos para encubrir o que é un absoluto desmantelamento dos servizos de benestar no noso país”. E apuntou a dobre gravidade deste asunto xa que “a Xunta de Galiza está obrigando a outras administracións a afrontar custes de servizos que non son da súa competencia directa cando é o goberno autonómico quen dispón de máis marxe de manobra e recursos para afrontar políticas neste camiño”.

Nesta liña, Estoa afirmou que “a Xunta está poñendo contra a espada e a parede aos concellos, porque a cidadanía espera destes que lle resolvan os problemas, xa que unha administración está para iso, mentres que o que está a facer o PP é todo o contrario, crear máis problemas aínda por riba a quen máis necesita a axuda”. Por todo isto, o Alcalde Riotorto afirmou que “desde os concellos dirixirémonos á Xunta para que rectifique e buscar unha solución a este problema, porque as persoas que o necesitan non deben quedar desatendidas”.

Remitido

Exit mobile version