Site icon Crónica3.com A Mariña

O CD Burela FS Pescados Rubén enviou material deportivo para menores de Guapimirim no Río de Xaneiro

SOLIDARIEDADE CO BRASIL

O programa de acción solidaria do CD Burela FS Pescados Rubén cruzou desta vez o charco para contribuír co seu pequeno gran de area laranxa ao sorriso futbolístico brasileiro. A través das xestións do director deportivo, Marcelo Santoro, os nenos/as máis desfavorecidos do municipio de Guapimirim, no Río de Xaneiro, recibiron material deportivo doado pola entidade mariñá.

Con esta achega, o club burelista apoia un proxecto de apadriñamento que dende hai catorce anos coordina a familia de Bárbara José, oriúnda do lugar, e que na súa última campaña acolle a 64 nenos e nenas.

Outros proxectos

Dende hai varias tempadas, o Burela FS mantén unha colaboración constante con diferentes colectivos mariñáns como a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, Centro Social San Aníbal, Fundación Eu Son ou a asociación de discapacitados Camiña. No entanto, a de Guapimirim non estrea a implicación laranxa alén das fronteiras galegas. Entre 2007 e 2009, Cabo Verde foi un dos destinos do apoio burelista, a través da campaña Proxecto Xuntamán desenvolvido por ACCVE Galicia. En 2008, a entidade mariñá tamén doou material á asociación carioca Rio em Forma, centro de día de nenos en risco e mozos reclusos.

Exit mobile version