Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo organiza unha charla sobre formación para o traballo

A CONCELLARÍA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL ORGANIZA UNHA CHARLA SOBRE FORMACIÓN PARA O TRABALLO. SERÁ IMPARTIDA POR TÉCNICOS DE BENESTAR E TRABALLO DE LUGO E TERÁ LUGAR O 19 DE ABRIL ÁS SETE DA TARDE NA CASA DO MAR.

Ribadeo, 12 de abril de 2012. Técnicos/as da delegación territorial de Lugo da Consellería de Benestar e Traballo estarán o vindeiro xoves, 19 de abril, ás 19:00 horas na Casa do Mar para informar de varios temas de moita actualidade e importancia para o mercado laboral como poden ser os certificados de profesionalidade, as competencias clave e a formación asociada. Tamén se presentará nesta charla a Rede Eures que ten como obxecto asesorar, informar e apoiar na busca de traballo en países europeos.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, explica que “por unha banda abordáranse os certificados de profesionalidade que acreditan con carácter oficial as competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación no emprego. Trátase, por tanto, de proporcionar aos traballadores a formación axeitada para adaptarse ao mercado laboral, de informarse sobre cómo poden acadar estas competencias, ben a través de formación, ben a través da acreditación da experiencia”.

Na mesma charla daráse a coñecer a Rede Eures, que conta cunha oficina en Lugo, que ten como misión proporcionar o asesoramente e busca de emprego a traballadores/as e empresarios/as, así como informar sobre as diferentes oportunidades de emprego e das condicións de vida e de traballo no Espacio Económico Europeo.

A cita terá lugar na Casa do Mar, o vindeiro xoves, 19 de abril, ás 19:00 horas na Casa do Mar. Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local animan “a todos e todas a participar nesta charla onde se abordarán os diferentes sectores profesionais e que pode ser unha oportunidade que abra as portas ao mercado laboral neste momentos tan complexos”.

Exit mobile version