Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo poñerá en marcha unha iniciativa dirixida a mulleres para fomentar proxectos de comercio electrónico

poñerá en marcha unha iniciativa dirixida a mulleres para fomentar proxectos de comercio electrónico

O CONCELLO PRETENDE POÑER EN MARCHA UN PROXECTO-PILOTO PARA AXUDARLLES ÁS MULLERES A CREAR UNHA TENDA ONLINE E A PROMOCIONAR OS SEUS PRODUTOS EN INTERNET.

Ribadeo, 27 de abril de 2012. O Concello de Ribadeo, a través das áreas de Desenvolvemento local e Igualdade en colaboración co programa Avanza do Ministerio de Industria e da Xunta, pretende poñer en marcha un proxecto-piloto dirixido a mulleres, co obxectivo de fomentar novos proxectos empresariais baseados no comercio electrónico.

Mariluz Álvarez Lastra, a concelleira de Igualdade, sinalou que “se trata de analizar a posibilidade de crear unha tenda online e promocionar os produtos das mulleres emprendedoras en internet”. O proxecto desenvolvérase en Ribadeo ao longo de 2012 e consta de varias fases, “a primeira é a de formar e capacitar no uso das TICs, en metodoloxías e técnicas en comercio electrónico, en marketing, na área de loxísticas co obxecto de xerar novos proxectos empresariais viables e sostibles. E a segunda é un proceso de asesoramento e seguimento para a posta en marcha de novas formas de negocio baseadas na comercialización de productos a tráves das novas tecnoloxías”.

A edil nacionalista explicou que “a idea é que participen todas aquelas mulleres emprendedoras e desempregadas así coma mulleres en activo que desexen iniciar unha nova actividade ou abrir novos canles de comercialización, baseados no comercio electrónico”. Álvarez Lastra subliñou que “a fase formativa vai dar comezo en breve e é necesario inscribirse. O prazo para participar estará aberto ata o vindeiro xoves, 3 de maio”.

As interesadas en obter máis información poden poñerse en contacto coa Área de Desenvolvemento Local no teléfono 982 128 650 ou na seguinte dirección de correo eléctrico adl@ribadeo.org ou tamén no Centro de Información das Mulleres: 982 120 739 ou cim@ribadeo.org
Remitido

Exit mobile version