O goberno cervense non entende como o PSOE critica unhas taxas que eles mesmos aprobaron
-No mes de outubro de 2011 todos os grupos, incluído o PSOE, aprobaron por unanimidade a regulación do mercado e as súas taxas
Cervo, 13 de abril de 2012-O goberno local de Cervo manifestouse sorprendido polas críticas vertidas polo grupo municipal do PSOE en relación ás taxas que se aplican aos vendedores ambulantes no mercado semanal de San Ciprián. “A actitude dos socialistas é cada vez máis incomprensible” asegura o edil de Seguridade, José Manuel Soto xa que “as taxas que eles critican foron aprobadas por unanimidade no pleno de outubro do ano pasado, e polo tano co voto favorable do PSOE” lembra o concelleiro. “A súa dobre moral non ten límites” engade o responsable de Seguridade, “primeiro dan o seu apoio ás taxas e despois tentan utilizar esas taxas en contra do goberno”. Polo tanto, para Soto, “aos socialistas non lles importa cambiar de idea a cada pouco con tal de sacar rédito político”.
Ao mesmo tempo, José Manuel Soto considera que “é moi fácil saír aos medios a dicir que o alcalde non os atende, pero o que non explican é que nin sequera tentaron poñerse en contacto con el”. O edil asegura que Alfonso Villares “non recibiu no día de onte, xoves 12 de abril, ningunha chamada ao seu móbil por parte de ningún edil socialista, nin ten constancia de que deixaran ningún recado no Concello para falar con el nin con ningún outro membro do goberno”. Por iso Soto lamenta que o PSOE cervense recorra a “mentiras para criticar ao goberno” e só agarda que “deixen de utilizar as falacias e os enganos como método para facer oposición”.
Ademais, o edil de Seguridade asegura que os vendedores ambulantes que dispoñen de autorización para comerciar no mercado “acolleron con satisfacción todas as medidas postas en marcha para regularizar a actividade, incluídas as taxas” polo que lle pide aos socialistas “que sexan máis rigorosos nas súas denuncias”.
Remitido