Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo aposta por celebrar o Día do Xubilado e explica que o cambio de escenario é para reducir gastos

Cervo apostará polo Día do Xubilado sempre que sexa posible como unha homenaxe a uns veciños que pasaron toda a vida traballando

Cervo, 28 de abril de 2012-O goberno local lamenta que o PSOE de Cervo non entenda os motivos polos que o Día do Xubilado pasa a celebrarse nun restaurante de Viveiro e non nunha carpa. “Xa explicamos que o cambio de escenario se debe a unha redución do gasto” asegura a edil de Servizos Sociais, Tania González, “unha decisión tomada despois de estudar as distintas opcións e os orzamentos de cada unha das propostas, e neste caso, resulta máis económico xantar nun restaurante, cun menú pechado, que contratar unha carpa e un servizo de cátering” engade a edil. “É tan sinxelo de entender como de explicar”, asegura González, que considera que os socialistas “tratan, unha vez máis, de inventar unha polémica que non existe”

A responsable de Servizos Sociais asegurou non comprender aos socialistas. “Resulta paradóxico que o PSOE veña a reclamar que o Día do Xubilado se celebre na praza dos Campos cando sempre estiveron en contra da súa construción” di Gozález. Un discurso, o dos socialistas, totalmente “incoherente” que para a edil só demostra “que o único obxectivo do PSOE é “criticar sen medida”.

A edil explicou tamén que o ano pasado o Día do Xubilado se celebrou nunha carpa na praza dos Campos “co obxectivo de que foran os nosos maiores os que inauguraran un espazo tan importante para a vila de San Ciprián e, deste xeito, trasladarlles o noso agarimo”, pero nesta ocasión “é imprescindible reducir o custo para, a pesar da situación, poder seguir celebrando o Día do Xubilado”.

A concelleira quixo pedirlle ao grupo socialista que “deixe de utilizar o Día do Xubilado para tratar de sacar beneficio político” e empece a darse conta de que “é un día moi importante para a nosa veciñanza”. González engade que dende o goberno local “seguiremos apostando por celebrar o día dos nosos maiores sempre que sexa posible”, unha xornada que “non consideramos unha macrocomida, como lle chama pexorativamente o PSOE, senón un momento no que unhas persoas que pasaron toda a vida traballando se reúnen e pasan unha xornada agradable compartindo espazo con persoas que en moitas ocasións só poden atopar neste evento” remata a concelleira.

Remitido

Exit mobile version