-A novena edición foi un éxito de participación, con 650 artesáns palillando ao mesmo tempo
-Nesta ocasión palillaron 6 homes e 25 nenos e nenas
Cervo, 2 de abril de 2012-O IX Encontro de Palilleiras celebrado esta fin de semana en San Ciprián demostrou un ano máis que a tradición e a artesanía espertan moito interese na comarca da Mariña pero tamén no resto de Galicia e en Asturias. Unhas 650 palilleiras procedentes de distintos puntos da comunidade galega e do principado desprazáronse ata a vila para ofrecer “un espectáculo de artesanía viva que deixa os visitantes sen palabras ao contemplar a centos de persoas palillando ao mesmo tempo” asegurou o alcalde, Alfonso Villares, que acompañou á directora xeral de Comercio, Nava Castro, na inauguración do evento. Castro e Villares percorreron o pavillón de A Veiga, onde se concentrou a maior parte dos actos, así como a carpa anexa, na que un total de 27 stands ofrecían produtos relacionados co oficio.
O rexedor cervense destacou que este evento resulta moi satisfactorio xa que “sempre se cumpren todas as expectativas, tanto de participación como do número de visitantes que se achegan a presenciar esta práctica tradicional ou o mesmo desfile, que sempre xera moita expectación”. De feito, a hora punta rexistrábase ás 16:30, cando comezaba o desfile de deseños confeccionados por Carmen Riveiro con encaixe de fío de liño da marca “Liño de Galicia”. Nese momento reuníronse no pavillón de A Veiga preto de 1.500 persoas, distribuídas entre as gradas, os corredores laterais e a zona na que as palilleiras fan as súas demostracións.
As modelos da axencia Dolores Couceiro eran as encargadas de lucir as creacións, entre elas unha modelo infantil da Mariña, Fabiola Tuñas. O presentador de informativos da TVG, Alberto Mancebo conduciu o exitoso desfile “que cada ano serve para contemplar as múltiples aplicacións que ten o encaixe na moda e que sempre nos sorprende con algunhas novidades” asegura Villares.
Nesta edición do Encontro aumentou a presenza masculina entre as palilleiras, un total de 6 homes, fronte á presenza puntual dun ou dos homes en edicións anteriores. Os nenos e as nenas tamén tiveron o seu protagonismo, xa que nesta ocasión foron ata 25 os pequenos que compartían escenario coas palilleiras máis veteranas. “Unha tradición que se vai afastando de tópicos e que se vai facendo universal, coa participación de persoas de distintas idades e sexo, algo que enriquece esta tradición” engade o mandatario cervense.
Outro dos indicadores do éxito do Encontro é a demanda nos bares e restaurantes da zona, que estiveron cheos á hora de xantar e nos que xa non se podían facer reservas para este día dende ía semanas. Tamén se produciu un incremento das persoas que quixeron participar nas excursións a Sargadelos. Nesta ocasión realizáronse 3 viaxes, polo que máis de 150 persoas se achegaron ata o Conxunto Histórico Artístico e a Fábrica de Cerámica para coñecela. “Uns datos que falan do beneficio que achega este Encontro ao concello, que serve para dinamizar o sector turístico, dar a coñecer Cervo e relacionar o seu nome cunha práctica tan fermosa como a arte de palillar” explica o rexedor.
As palilleiras volveron ás súas casas cun agasallo entregado pola organización, consistente nun alfineteiro de Artesanía de Galicia e os planos guía recen editados polo Concello con información turística do municipio, todo dentro dunha bolsa reutilizable doada por Alcoa.
O Concello quere agradecer a todas as persoas, entidades e colectivos que fixeron algunha achega neste Encontro e contribuír no seu éxito, como as profesoras Modesta Lombardero e Mari Luz Méndez, os voluntarios de Protección Civil, a Policía Local, o Servizo Municipal de Obras, as traballadoras de axuda a domicilio, a Xunta de Galicia, o Concello de Xove e o grupo folclórico Airiños do Xunco. O Concello cervense tamén agradece a súa colaboración a todas as empresas que participaron e colaboraron dalgún xeito, como son Labores Mabe, Fábrica de Cerámica de Sargadelos, Cerámicas Gundín, Eladio Bello máquinas de coser, Mercería e decoración Ajuar, Cesáreo Eijo Canoura, Distribucións Carreiras, Presencia Hilaturas e Confitería María.
-A ruta é diferente cada ano co obxectivo de dar a coñecer os distintos recunchos do municipio
-A maior parte dos participantes son grupos de amigos pertencentes a asociacións cabalares
Cervo, 1 de abril de 2012-Máis de 60 persoas procedentes de distintos concellos da Mariña e doutros puntos de Galicia participaron na cuarta edición da Ruta do Poldro que organiza a asociación Cabaleiros do Xunco coa colaboración do Concello de Cervo. Trátase dunha actividade que xa está consolidada e que todos os anos consegue atraer a decenas de xinetes, moitos deles membros doutras asociacións cabalares e asiduos a este tipo de citas.
O perfil dos participantes a este encontro son grupos de amigos, sobre todo homes, aínda que tamén hai mulleres, que acoden ano tras ano. Aínda así, non en todas as edicións atopan o mesmo, xa que a organización varía o percorrido cada ano co obxectivo de promocionar o municipio e dar a coñecer os seus atractivos. Nesta ocasión os xinetes completaron unha ruta de 20 quilómetros que discorreu por O Guioncho, de onde saíron as 9:30 horas pasando por Gondrás, Castelo, A Senra, Viladesuso, San Ciprián e Lieiro para rematar de novo en O Guioncho. Ademais, os organizadores actúan a modo de guías turísticos explicando a historia ou as tradicións dos lugares polos que pasan.
“Con esta ruta a asociación Cabaleiros do Xunco desenvolve unha labor moi importante xa que consegue atraer ata Cervo a decenas de persoas ás que animan a coñecer o municipio ao mesmo tempo que practican a súa afección” asegura o rexedor cervense, Alfonso Villares.
A ruta discorreu nun ambiente distendido, unha harmonía que se trasladou tamén ao momento do xantar, que tivo lugar en O Guioncho, onde os xinetes tiveron tempo de compartir as súas experiencias e de falar cos compañeiros da ruta, persoas que en moitos casos se converten en amigos e cos que só coinciden en citas coma esta.