Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Illa de Sarón de Xove organiza as primeiras xornadas sobre “Educación na II República”

O IES ILLA DE SARÓN DE XOVE ORGANIZA AS PRIMEIRAS XORNADAS SOBRE “EDUCACIÓN NA II REPÚBLICA”

Conscientes do descoñecemento xeral que aínda hoxe en día hai sobre este período histórico, desde este Centro queremos facer un achegamento, aínda que só sexa superficial, a un dos aspectos máis destacados e novedosos daquela época. Para os gobernantes republicanos a educación era a base sobre a que asentar todos os cambios que pretendían levar a cabo na sociedade española, de aí que enfocaran unha grande parte dos seus esforzos a levar adiante unha serie de reformas, parte das cales aínda non se conseguiron desenvolver plenamente na actualidade. Unha educación pública, obrigatoria, gratuíta, activa, laica, bilingüe e solidaria que tentaba terminar con séculos de discriminación por razón de sexo ou de clase social.

Desde o IES Illa de Sarón enfocamos estas xornadas xirando sobre dous eixes básicos:

Por un lado as actividades dirixidas ao alumnado do noso centro, que se desenvolverán en horario lectivo os días 11, 12 e 13 de abril e que consistirán na proxección de dous documentais (“La escuela ocupada” e “Las misiones pedagógicas”) e da película “A lingua das bolboretas”, que servirán de punto de arranque e tema motivador para a realización dunha unidade didáctica elaborada para cada caso por profesorado do Centro.

Por outro lado están as actividades abertas ao público xeral, ás que invitamos a todas as persoas interesadas no tema. Estas actividades, que terán lugar os días 11 e 12 de abril nos locais do Centro, serán as seguintes:

O mércores 11 ás oito da tarde haberá unha sesión de cine-forum na que se proxectará o documental “La escuela fusilada” de Iñaki Pinedo e Daniel Álvarez e a continuación unha charla entre os-as presentes sobre dito documental e en xeral sobre o tema educativo na II República.

O xoves 12, tamén ás oito, o pintor Celso Dourado presentará varios cadros dunha serie dedicada á II República na que está traballando na actualidade. Trátase xa que logo dunha primicia, pois será a primeira vez que estes cadros sexan expostos e explicados polo propio autor.

A continuación, o historiador Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, ditará unha conferencia sobre “Mestres e Mestras republicanos na Mariña” á que lle seguirá un coloquio con todas as persoas que asistan ao acto.

Simultaneamente a estes actos no IES Illa de Sarón contaremos coa exposición “La escuela en la II República” cedida pola Fundación FIES de CCOO. Esta exposición, composta por varios paneis nos que se fai un repaso aos aspectos básicos deste tema, poderá visitarse os días 11 e 12 de abril en horario de 16 a 20 horas.

Desde o IES Illa de Sarón reiteramos o noso convite a todas as persoas interesadas neste tema para que compartan con nós estas xornadas e así, entre todos, aprender un pouco máis sobre esta interesante etapa da historia da educación.

Remitido

Exit mobile version