Os lumes esquecidos: ademais das Fragas, dende o outono arderon 15.839 ha de espazos protexidos
11 de abril de 2012. A repercusión social e mediática do incendio das Fragas do Eume eclipsou o enorme impacto que o lume causou dende o outono nos espazos protexidos do interior: case 16.000 ha queimadas só en 7 LICs da Rede Natura sur-oriental (Baixa Limia-Xurés; Macizo Central; Pena Trevinca; Pena Maseira; Ancares-Courel; Canóns do Sil e Pena Veidosa). A Xunta, máis ocupada en desinformar e eludir responsabilidades, obviou sistemáticamente o que constitúe unha das catástrofes ecolóxicas máis importantes acontecidas no país dende o Prestige. Lembremos na vaga de lumes de 2006, a afección á totalidade da Rede Natura galega non chegou ás 2.000 ha. O realmente indignante é que a Xunta, que agora proclama “ter un plan” para rexenerar as Fragas (750 ha queimadas), non fixo ren para recuperar as 15.839 ha de valioso patrimonio natural arrasadas en menos de 6 meses.
As 7.982 ha queimadas no Macizo Central (o 17% da súa superficie) ou as 4.436 na Baixa Limia-Serra do Xurés (13% do LIC)… etc. non son como para presumir. A conselleira Quintana e o conselleiro Hernández gabábanse de que a afección do lume ás Fragas do Eume foi menor do 10% e que as medidas de rexeneración comezarían “de inmediato”. No entanto, nin medio Rural nin Medio Ambiente fixeron nada polas case 16.000 ha queimadas en menos de 6 meses e en periodo invernal nuns espazos protexidos cuxa fraxilidade e vai parella ao abandono institucional.
Á falla de atención ao medio rural de montaña, á ausenza dunha politica forestal coerente, de investimentos e de propostas para uns espazos interiores cunhas potencialidades enormes, hai que engadir o esquecemento das obrigas legais de conservación deste patrimonio natural senlleiro por parte duns xestores incompetentes e desleixados.
Semella que a Xunta está máis preocupada por minimizar a dimensión do problema dos lumes e o seu impacto na nosa biodiversidade, empregando todo tipo de estratexias:
-Só informa dos lumes que superan as 20 ha.
-Cuantifica o perímetro afectado e agocha a superficie, para deste xeito minimizar a dimensión: 4 km de perímetro equivalen a 100 ha.
-E cando indica a superficie, faino en termos de quilómetros cadrados e non de hectáreas (1 km2 equivale a 100 ha, polo que de novo o efecto reduce en dous díxitos a dimensión).
-Indica a afectación dun lume desglosado por concellos, e non con respeito ao conxunto dun espazo ou unidade natural, como recentemente aconteceu na Baixa Limia-Xurés e no Macizo Central, espazos protexidos que para a Xunta semellan non existir.
-Non publica os traballos de prevención realizados nen o grao de cumprimento dos planos de prevención.
-Non informa (porque non existen) sobre as medidas de recuuperación e os planos de restauración das áreas protexidas afectadas.
En definitiva, trátase de “facer desaparecer” das portadas ese mundo rural que para o ex-conselleiro Juárez “non ten futuro”, e só aparentar que se fai algo cando o fume chega ás rúas de Ferrol ou A Coruña e xa non se pode agochar.
Remitido