Site icon Crónica3.com A Mariña

O “macarra” como exemplo

O “MACARRA” COMO EXEMPLO

Hai case medio século que irrompeu nas ciencias sociais a teoría da elección racional. Tratábase de demostrar que os seres humanos actuaban na súa vida cotiá aplicando a lóxica económica do custo-beneficio. Isto é: maximizar as ganancias e reducir ao mínimo as perdas.

Aplicado á folga xeral do venres 29 de Marzo, consistiría en que ou ben hai moitos traballadores que foron á folga e conseguen dar marcha atrás á reforma laboral, ou ben é un fracaso. Ante isto, un traballador que estivese en contra da reforma laboral podería pensar que se fai folga e é un éxito, se beneficiaría; pero se non a fai e funciona, tamén obterá os beneficios que se deriven desta. Pola contra, se fai folga e esta é un fracaso, prexudicarase, perde salario e os seus superiores poderíano sinalar con unha X de apestado. Se non a fai e é un fracaso, beneficiarase porque non terá perdido nin diñeiro nin o “aprecio”da empresa. Conclusión: a mellor opción individual parece a de non facer folga. Pero, como no famoso dilema do prisioneiro, o beneficio sería maior se se cooperase, é dicir, se todos fosen solidariamente á folga.

O problema consiste en que o que é individualmente racional conduce, por non ser razoable, ao fracaso colectivo. Algo do que xa se deran conta os primeiros grupos humanos na súa loita pola supervivencia. A diferenza estriba en que as devanditas comunidades sinalaban o “MACARRA” e o apartaban da comunidade, mentres que, na actualidade, o neoliberalismo o elevou á categoría de modelo de éxito social o “MACARRA”.

Definición de macarra: Chulo, [home] que vive das prostitutas. Eu ampliaríao a “Persoa, animal ou cousa que se aproveita do esforzo alleo.

Otero Regal

Exit mobile version