Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP contrario a que o BNG critique o decreto que desenvolve a Lei de Servizos Sociais

Nacionalistas e socialistas elaboraron e aprobaron a lei que establece as competencias das distintas administracións en materia de financiamento dos servizos sociais

MANUEL PARGA (BNG) CAE NO ABSURDO DE CRITICAR O DECRETO QUE DESENVOLVE A LEI DE SERVIZOS SOCIAIS QUE EL MESMO VOTOU FAVORABLEMENTE COMO DEPUTADO

 Balseiro nega con rotundidade o alarmismo do BNG e insiste en que ningún concello galego deixará de recibir da Xunta o financiamento necesario para soster o servizo de axuda no fogar das persoas maiores dependentes.

 “Este deputado do BNG e o resto dos seus compañeiros de partido si que non teñen alma, porque buscan meter o medo no corpo aos colectivos máis vulnerables: persoas maiores e dependentes, enfermos… a súa oposición baséase en enganar á xente”

 Balseiro lembra que o vicepresidente nacionalista da Deputación non se presenta ás reunións ás que foi convocado desde a Consellería de Traballo e Benestar para abordar este asunto o que demostra o seu único interese partidista e a falta de credibilidade dos seus argumentos.

A Mariña, 28 de abril de 2012.- O deputado nacionalista Manuel Parga cae no absurdo de criticar o novo Decreto de servizos sociais aprobado pola Xunta pese a que se limita a desenvolver a lei que o el mesmo votou favorablemente como deputado. Jose Manuel Balseiro Orol lembroulle ao nacionalista que de feito foi na pasada lexislatura cando os deputados do BNG e do PSOE -incluído o propio Manuel Parga- aprobaban a lei de servizos sociais que establece as competencias das distintas administracións en materia de financiamento de servizos sociais.

Jose Manuel Balseiro considera “moi lamentable” que “día tras día durante os últimos catro anos” sexa obrigado saír ao paso das “manipulacións, mentiras e alarmas sen fundamento” que se “inventan” desde o BNG e que levoulles a realizar a afirmacións tan absurdas como que se pecharía o hospital ou, agora, que desaparecerán os servizos municipais de axuda no fogar. “Este deputado do BNG e o resto dos seus compañeiros de partido si que non teñen alma, porque buscan meter o medo no corpo aos colectivos máis vulnerables: persoas maiores e dependentes, enfermos… a súa oposición baséase en enganar á xente” -sinalou Balseiro- aínda que augurou que son “mentiras de corto percorrido”.

O deputado popular insistiu en deixar claro que “é totalmente falso que se poña en cuestión a axuda no fogar” e afirmou que “a Xunta garante os servizos sociais nunha situación económica de crise”, de feito, “ningún concello galego, nin mariñán, deixará de recibir da Xunta o financiamento necesario para soster o servizo de axuda no fogar das persoas maiores dependentes e do persoal dos servizos sociais municipais “algo que todos os alcaldes xa saben”. O único que indica a lei e o decreto é -concluíu Balseiro- que nos concellos de menos de 20 mil habitantes tamén terá que colaborar a Deputación neste soporte.

O BNG SEN CREDIBILIDADE

Co obxecto de “desenmascarar” a estratexia nacionalista de “engano” Balseiro lembra o comportamento que tivo o vicepresidente da Deputación de Lugo, o dirixente do BNG Antón Veiga, que promoveu unha xuntanza cos alcaldes da provincia para que se opuxeran ao novo decreto ao mesmo tempo que non se presentaba, non quixo asistir, ás reiteradas xuntanzas ás que se lle convocou desde a Consellería de Traballo e Benestar para abordar este asunto e establecer as liñas de colaboración entre Xunta e Deputación de Lugo. “Está claro- conclúe Balseiro- que o BNG é un partido sen credibilidade e sen argumetnos neste asunto, cuxo único interese é político e partidista, desgastar ao goberno en base a mentiras”.

Remitido

Exit mobile version