Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lugo reuniu o órgano de coordinación interparlamentaria

Presidida por Xosé Manuel Barreiro hoxe tivo lugar a primeira reunión deste órgano de coordinación no que se establecen as liñas de actuación conxunta nas distintas Cámaras lexislativas en defensa dos intereses da nosa provincia

O PPdeLugo reunirá unha vez ao mes na súa interparlamentaria a todos os cargos electos nacionais, autonómicos e provincias

 O encontro desenvolveuse en torno a dous eixos principais: a celebración dunha convención provincial e o encargo aos deputados lucenses para que coordinen as visitas que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ten previsto desenvolver nos distintos concellos da provincia.

 Os populares lucenses amplían a súa ofensiva para poñer en valor a experiencia de goberno baseada no rigor, na austeridade e en dicir a verdade aos cidadáns sobre situación actual, fronte ás políticas erráticas e enganosas de socialistas e nacionalistas.

Lugo 9 de abril de 2012.- Na mañá de hoxe tivo lugar a xuntanza da interparlamentaria dos populares lucenses que, presidida por Xosé Manuel Barreiro, reuniu por primeira vez aos cargos electos desta formación política na Deputación de Lugo ademais dos deputados e senadores nas Cortes Xerais e dos representantes lucenses no Parlamento de Galicia que xa viñan reuníndose de xeito periódico.

O encontro do órgano de coordinación das deputadas e deputados populares celebrouse nesta ocasión na capital lucense, na sede provincial dos populares e acordou celebrar esta cita con periodicidade mensual. A interparlamentaria popular sinalou como prioridade que os distintos deputados e senadores elaboren iniciativas e estratexias que trasladadas no seu conxunto ás tres Cámaras lexislativas permitan impulsar a acción de goberno naqueles ámbitos, sectores ou obxectivos específicos que máis beneficien a provincia de Lugo

Nesta ocasión o encontro desenvolveuse en torno a dous eixos principais: a organización dunha convención provincial na que se pretende poidan participar todos os cargos electos do PP na provincia; e a coordinación e proposta de traballo para dotar de contido específico as visitas que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ten previsto desenvolver polos concellos lucenses.

Ambas citas -que se celebrarán nos vindeiros meses, nunhas datas aínda por confirmar- queren ser espazos de debate, reflexión e de achega de propostas en moi diversos ámbitos e farán das achegas dos cargos públicos locais un dos seus principais obxectivos, pois no PP de Lugo entenden que son os representantes municipais os que mellor coñecen, pola proximidade, ás inquedanzas dos cidadáns.

CONVENCIÓN POPULAR

Segundo o acordado na interparlamentaria popular desta mañá, a convención do PPdeLugo aproveitará para facer unha valoración dos gobernos do PP na súa nada sinxela tarefa de contribuír a reformar as administracións públicas e convertelas en instrumentos sostibles ao servizo do cidadán. Xosé Manuel Barreiro explicou que o PP ampliará nos vindeiros meses “a súa ofensiva política para poñer en valor a experiencia de goberno baseada no rigor, na austeridade e en dicir a verdade aos cidadáns sobre situación actual, fronte ás políticas erráticas e enganosas de socialistas e nacionalistas”.

As deputadas e deputados reunidos na interparlamentaria desta mañá tamén decidiron que a convención aborde, dun xeito formativo, o emprego da rede internet como canle de contacto directo e rendición de contas ante os cidadáns e como ferramenta de comunicación política.

ORZAMENTOS DO ESTADO

Xosé Manuel Barreiro tamén repasou as contas estatais para 2012 e pediu a deputados e senadores que conxuntaran esforzos para dar a coñecer en cada unha das comarcas a importancia que os orzamentos xerais do Estado teñen como ferramenta básica na loita contra a crise. A idea é que os cargos provinciais, autonómicos e nacionais expliquen, defendan e aborden polo miúdo as contas estatais, as razóns que levan a apostar por estes investimentos e os obxectivos que se pretenden cumprir cos mesmos.
Remitido

Exit mobile version