Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo presenta alternativas ao estacionamento para debater no próximo pleno

O PP local presenta alternativas a debater no próximo pleno para solventar o problema do estacionamento en Mondoñedo

• Co obxecto de buscar alternativas ao problema de aparcar, o PP pide que se estude a posibilidade de empregar a zona da antiga praza de abastos como aparcadoiro público e sinalizar tamén pequenos aparcadoiros nas rúas como medida dinamizadora do pequeno comercio
• O Grupo Popular solicita tamén o apoio do órgano para habilitar un aparcadoiro en batería na alameda e facilitar así o estacionamento aos usuarios do PAC, así tamén piden que se sinalicen as prazas obrigatorias para minusválidos

Mondoñedo, 16 de abril de 2012- Ante o malestar xerado entre os veciños e usuarios dos servizos debido a escaseza de aparcadoiros, ao problema de estacionamento e, especialmente, á política sancionadora; o Partido Popular de Mondoñedo levará ao próximo pleno unha moción coa que procura buscar alternativas, para paliar e corrixir este malestar, e favorecer así o acercamento dos turistas e dos veciños á localidade así como o fomento do pequeno comercio de Mondoñedo.

Con esta iniciativa que o grupo municipal rexistra para o debate en pleno, os populares procuran que dende o goberno local se consensúen as iniciativas cos veciños e se promova dende o consistorio unha política que incentive o benestar dos mindonienses, e non pola contra que a xestión emprendida por Orlando González Cruz, converta a cidade nun lugar caro para vivir e incómodo para traballar e sobrevivir.

Coa fin de manter o compromiso cos veciños e co obxecto de escoitar aos mindonienses e negocios afectados nun momento económico delicado para Mondoñedo, o PP pedirá en pleno que se proceda de xeito inmediato á constitución dunha comisión de traballo para buscar alternativas á decisión tomada de forma autoritaria por Orlando González na que prohibe o estacionamento na zona da Fonte Vella. Na comisión participarán os veciños afectados, así como as forzas políticas e as asociacións que o desexen. Desta maneira, o Grupo Popular pretende acercar o goberno local á cidadanía para coñecer as súas inquietudes.

Co obxecto de buscar alternativas ao problema de aparcar, o PP pide que se estude a posibilidade de empregar a zona da antiga praza de abastos como aparcadoiro público e sinalizar tamén pequenos aparcadoiros (dunha ou dúas prazas), cando a dimensión da rúa o permita que facilite aparcadoiros limitados, como medida dinamizadora do pequeno comercio

Dende o Grupo Popular tamén criticaron en reiteiradas ocasións a política sancionadora emprendida polo goberno local, a que cualifican de contraditoria e contraproducente, incrementando as sancións de tráfico que repercuten tamén negativamente nos veciños. Os populares recordan a política sancionadora emprendida no entorno do PAC a veciños que acoden con urxencia ao centro médico. Dende o Grupo Popular, coa fin de que se eviten estas multas en torno ao centro médico, piden tamén na moción que de xeito inmediato se habilite un aparcadoiro en batería no lado dereito alameda para poder facilitar o estacionamento aos usuarios do PAC, así como, dende o PP tamén piden que se sinalice neste entorno as prazas obrigatorias para minusválidos.

PARTIDO POPULAR

Exit mobile version