Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo pide “a reestruturación das funcións e servizos da Policía local” para loitar contra o vandalismo

O GM DO PP DENUNCIA A FALLA DE SEGURIDADE NO ENTORNO DA PISCINA MUNICIPAL E RÚAS PRÓXIMAS

Dende o Grupo Municipal do PP queremos denunciar a inseguridade xerada para os veciños desta zona, na que ven sendo habitual a comisión de actos vandálicos que se quedan impunes. Ás xa reiteradas denuncias polos roubos sucedidos en vivendas particulares da zona, vénse a engadir a continua comisión de actos vandálicos diversos que causan graves desperfectos tanto nos bens públicos como nos privados alterando a calidade de vida dos veciños.

Así, ás pintadas nas fachadas de edificios públicos e privados, hai que engadir a queima dos buzóns das vivendas, os destrozos e desperfectos cometidos no centro social dunha coñecida asociación da Vila, o volcado dos contedores do lixo, a celebración xa sexa na prazoleta de San Lázaro, ou no parque Pintor Fierros ou diante da Piscina municipal, de botellóns, nos que os xoves sen vixianza algunha permanecen ata altas horas da noite co volume do sonido dos equipos de música dos coches excesivamente elevado alterando deste xeito o descanso dos veciños que se ven dificultados para conciliar o sono, … son algunhas das actuacións que un grupo de incontrolados acostuman a levar cabo na zona e que, baixo o paraugas de que durante a noite nesa zona non hai ningún servizo de vixianza por parte das forzas e corpos de seguridade, campan ás súas anchas facendo das rúas e prazas o seu territorio.

Ante esta situación, novamente dende o PP temos que pedirlle ao Alcalde que asuma a súa responsabilidade como máximo responsable da Policía Local, e que leve a cabo (mellor sería se tivera en conta o parecer ao respecto dos Grupos da Oposición) a reestruturación das funcións e servizos da Policía local, e que se deixe de xogar con este tema, sendo de todo irresponsable a súa conduta anunciando nos medios de comunicación, xusto o día anterior á celebración coa presenza do Subdelegado do Goberno da reunión da Xunta Local de Seguridade, a reestruturación deste servizo, e días despois dar volta atrás, dar carpetazo ao asunto e deixar o tema novamente dentro do caixón. ¿Acaso os veciños de Ribadeo temos que esperar a que desgraciadamente ocorra algún acto que chegue a pór en perigo a seguridade das persoas para que dende o Concello se tome conciencia deste problema e se adopten as medidas de actuación necesarias para darlle solución?. Dende o GM do PP entendemos que non, pois a actuación do Concello só en último caso debera ter por obxecto a reparación do dano causado, debendo estar o seu cometido e a súa actuación dirixida a previr o mal, anticipándose a posibles actuacións causadoras dun potencial dano, xa sexa aos bens públicos ou aos privados.

Fai días que o Alcalde laiábase no senso de que o Concello carecía de medios suficientes para pór un policía local en cada rúa, pero do que tamén carece o Alcalde, polo que se está a ver, é da iniciativa e da capacidade necesaria para pór en práctica medidas e actuacións que contribúan na medida do posible a mitigar esta problemática. Pois ben, dende o GM do PP suxerímoslle que poña en marcha un incremento dos servizos da policía local, que os dote de mellores medios materiais, que garanta unha vixianza continua dos barrios apartados do centro, que amplíe a prestación dos servizos ás horas da noite, que busque e xestione unha mellor e maior colaboración coa Garda Civil,… como algunhas das actuacións que ben dirixidas dende o Concello e coordinadas coas outras forzas e corpos de seguridade contribuirían a devolverlle aos veciños a confianza e seguridade de que se ven privados día a día.

Exit mobile version